Unha noite baixo as estrelas no Alto do San Marcos

394

Arredor de 60 persoas puideron descubrir as marabillas dunha noite estrelada desde o Alto do San Marcos

A semana pasada, tivo lugar no concello de Ames unha nova Noite de Estrelas. Acompañadas por dous astrónomos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (da Universidade de Santiago de Compostela), arredor de 60 persoas puideron descubrir as marabillas dunha noite estrelada desde o Alto do San Marcos.

A velada comezou por volta das 22:30 horas, cando aínda había algo de claridade. Comezaron enfocando a lúa, que estaba en cuarto crecente, e puideron ollar os seus cráteres. De seguido, aínda con algunha luz, as persoas asistentes observaron Xúpiter e Saturno. Cando a noite pechou, empezaron a ver as estrelas. Comezaron polo cénit, que o que está no ceo inmediatamente por cima das cabezas.

A primeira estrela en ser identificada foi a Estrela Polar. E a partir de aí, a observación foi realizada en círculos, identificando todos os elementos que se podían apreciar no ceo. Desta maneira, nesa noite foi posible ver a constelación da Estrela Polar, coa Osa Menor e a Osa Maior, xunto con Cefeo e Casiopea, Cisne e Hércules ao norte; Boyero, Virgo e Libra ao oeste; no sur, Saxitario, Escorpión e Aguia; e ao este, entre outras, Acuario, Piscis e Delfín. Mesmo a Vía Láctea estaba esa noite completamente debuxada.

A observación foi acompañada por un punteiro láser e o relato, feito polos astrónomos, de diferentes historias da mitoloxía grega en relación ás estrelas

En palabras da responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, esta foi “unha noite espectacular, debido ás boas condicións meteorolóxicas puidéronse ver todas as estrelas, que nunha noite de agosto se poden apreciar no hemisferio norte”. Para a observación, cada grupo de dúas persoas recibiu un planisferio, co que poder guiarse na súa observación do ceo estrelado. Asemade, a observación foi acompañada por un punteiro láser e o relato, feito polos astrónomos, de diferentes historias da mitoloxía grega en relación ás estrelas, que servían, naquel momento da Historia, de elemento transmisor (entre xeracións) de diversos coñecementos e historias populares.

Nesta Noite de Estrelas da semana pasada, participaron arredor de 60 persoas de diferentes idades. Para achegarse ao Alto do San Marcos, houbo servizo de autobuses, tanto desde Bertamiráns como desde Milladoiro.