Unha nova edición do programa Abril de Cine achegará a Ames catro pezas audiovisuais

41

 O obxectivo deste proxecto é achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. Nesta ocasión, no marco do Abril de Cine proxectaranse as películas Verano 1993, Les 400 Coups (Os 400 golpes), The Straigth Story (Unha historia verdadeira) e In the mood for love (Desexando amar). Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal subtitulada no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas. As entradas poderanse adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Este novo ciclo do Abril de Cine comezará o vindeiro xoves 4 de abril, coa película Verano 1993, dirixida por Carla Simón e galardoada con 3 premios Goya (mellor dirección novel, mellor actriz revelación e mellor interpretación masculina). Nela nárrase a historia de Frida, unha nena de seis anos que afronta o primeiro verán da súa vida coa súa nova familia adoptiva trala morte da súa nai. Durante a proxección do filme os espectadores estarán acompañados pola actriz Ledicia Sola. 

A seguinte sesión terá lugar o 11 de abril. Emitirase o filme Les 400 Coups (Os 400 golpes), unha obra clave da “nouvelle vague” na que se conta a historia de Antoine Doinel, quen con 14 anos non só é testemuña dos problemas de parella dos seus pais senón que tamén debe soportar as esixencias dun severo profesor. O escritor, xornalista e guionista Diego Ameixeiras será o convidado desta sesión.  

O filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch, proxectarase o martes 16 de abril. Baseada nunha historia real, narra a viaxe de Alvin Straight, un ancián que vive coa súa filla con discapacidade, para ver ao seu irmán enfermo no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacéspede. Nesta ocasión, o coloquio posterior contará coa participación do realizador, guionista e produtos galego Alfonso Zarauza. 

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.