O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu a quinta edición do Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña. A técnica municipal de inserción laboral, María Lloves, fixo unha presentación sobre o Ames AV LAB que está en fase de licitación. O Concello de Ames, co apoio da Deputación da Coruña, está a poñer en marcha o proxecto Ames AV LAB, que se concibe como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que busca impulsar a produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do importante tecido produtivo da provincia. Por outra banda, realizouse unha visita guiada polo espazo colaborativo A Proa, que conta con 36 postos, dos cales na actualidade hai 18 ocupados con 12 proxectos diferentes sobre marketing dixital, produción audiovisual, educación, arquitectura, economía circular, comercio internacional, medio ambiente, etc. As empresas instaladas na actualidade son 12: Impulsa Dixital, Indígena Films, Palabra Xeneradora, Marxe e Territorios Latentes, Aquelando SL, Angel Marcelino Costa, Hub of English, Serea Film, Temporit, Leiloio Internacional, Eco-Huella, Andrea Ferreti Moncau.