Veciñanza de Ortoño, Bugallido e Biduído congrégase para esixir o regreso do bus P2 no seu “cabodano”

676

Nunha ceremonia oficiada polo cómico e veciño do concello Federico Pérez, que ten aparecido en películas coma Cuñados xunto a Miguel de Lira e Xosé Touriñán, veciños e veciñas conmemoraron a memoria da liña de autobús P2, Santiago-Ortoño, desaparecida hai un ano. Coa vestimenta propia dun cabodano, de riguroso luto, e portando imaxes do “finado” como en calquera outra ceremonia similar, protestaron pola perda dun servizo que definen como “esencial” para as parroquias afectadas, concretamente as de Ortoño, Bugallido e Biduído.

Con esta orixinal protesta, a veciñanza, organizada por asociacións como a AAVV de Bugalllido, esixe con retranca pero con determinación que se lles devolva a liña de autobús. A acción reivindicativa incluíu ademais unha “procesión”, dende a parada do cruce da farmacia de Bugallido onde se oficiu a ceremonia ata o Campo da Feira, onde oraron pola “resurrección” da P2.

Na propia convocatoria da concentración, impulsada pola AAVV de Bugallido, indicaban o seguinte: “O P2 ou autobús de Ortoño morreu o 23 de decembro de 2021. Morreu novo, con só 50 anos. Faleceu en plena pandemia pero non a causa dela”. Seguindo esta mesma liña, denunciaban que “o finado unía ás parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído coa capital compostelá e coa súa morte os veciños e veciñas quedaron sen servizo. Por iso, un ano despois, a veciñanza das parroquias afectadas segue consternada polo pasamento do P2 e únese para celebrar o seu cabodano e rezar unha oración pola súa alma”.

A parroquia de Ortoño, con máis de 11.000 habitantes, a de Biduído, con máis de 15.000, e a de Bugallido, con mías de 1.600, son tres das máis poboadas do Concello de Ames. Con todo, nin a alta porcentaxe de afectados, nin o tempo transcorrido, nin as medidas levadas a cabo foron suficientes para acadar a reposición do P2 ou unha alternativa que facilite a comunicación en transporte público para os veciños e veciñas, segundo denuncia a asociación veciñal. Primeiramente, contan, “a veciñanza puxo todas as súas esperanzas nun convenio entre os Concellos de Ames e Santiago para resucitar ao P2”, pero a firma do mesmo “nunca chegou”. Despois, “confiou en que o desvío e a ampliación da liña que vai de Extramundi de Arriba a Santiago de Compostela substituíse ao finado pero esta non se materializou”, e agora “autorízannos unha SIMU de sobra insuficiente”. Así as cousas, “só nos queda botar man da nosa fé e orar pola resurrección do P2″.