Co mes de novembro volven os magostos a Ames. Este venres, 11 de novembro, terá lugar o da praza de Manuel Murguía no Milladoiro e mais o do campo da festa do San Amaro de Barouta. En ambos os dous eventos haberá música, obradoiros, xogos populares e produtos típicos de outono como castañas asadas, chourizos e doces.
Dende o Concello salientan a importancia do magosto como unha das festas máis populares de Galicia coas tradicionais degustacións de castañas. Ademais, o Concello parabeniza ao tecido asociativo local polo labor social e cultura en Ames.

No caso do Milladoiro, na organización colaboran a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), o Concello de Ames e mais a ANPA As Brañas. Dará comezo ás 18h e haberá DJ e combos musicais da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), así como servizo de cantina. Ademais, sortearanse premios como unha Nintendo switch.

Por outra banda, o alumnado de sexto curso de educación primaria do CEIP de Barouta tamén organiza unha festa do Magosto para este venres, 11 de novembro, co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso. Empeza ás 17h e contarán con carpa por se chove. Será no campo da festa do San Amaro de Barouta, coa organización do CEIP de Barouta, a ANPA San Mauro e o Concello de Ames. Ademais, de comer castañas as persoas que asistan poderán participar en diferentes obradoiros e xogos populares, e haberá concerto do grupo As Maianas.