A comunidade educativa de Barouta organiza un ano máis a súa tradicional carreira solidaria, baixo o lema “Móvome pola paz”, con motivo da celebración do Día da Paz. A súa finalidade é recadar alimentos e outros produtos de primeira necesidade para doar ao Banco de Alimentos municipal.
Este ano ademais, dada a situación de emerxencia en Gaza (Palestina), tamén se recadarán fondos para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).
Nas probas poderán participar tantos os pais e nais do alumnado de Barouta, como calquera veciño ou veciña que queira achegarse. Por outra banda, tamén estarán presentes os rapaces e rapazas de sexto de Primaria dos CEIP da Maía e de Agro do Muíño e da unitaria de Covas.
Así mesmo, desde o CEIP de Barouta destacan que se trata dun acto aberto a todas as persoas que desexen involucrarse, e que busca non só implicar á veciñanza na doazón de alimentos e de produtos de primeira necesidade, senón tamén concienciar sobre os dereitos da infancia a través do exercicio físico.
“O primeiro obxectivo deste acto do Día da Paz é recadar alimentos, produtos de primeira necesidade, con ese foco nos nenos e nenas que están nunha situación de emerxencia social e que necesitan a solidariedade de todos os veciños e veciñas do concello de Ames. Con ese foco na infancia cada un colabora na medida das nosas posibilidades”, recorda Alonso Caxade, o director do centro.