Vinte alumnos de Ames e Brión formaranse durante un ano en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas

391

A quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova dos Concellos de Ames e Brión vén de pórse en marcha. Unha vintena de alumnas e alumnos participan nel. Estes programas públicos de formación outorgan cualificación profesional ao mesmo tempo que fan que as persoas participantes desenvolvan un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. A actividade está sufragada con medio millón de euros que os concellos recibiron por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O obradoiro terá unha duración de 12 meses. Quince dos alumnos participantes son de Ames e outros cinco de Brión. Recibirán formación na especialidade montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. En anos previos o obradoiro duraba só nove meses.

Dentro dos traballos de interese municipal, o alumnado vai realizar novas instalacións de fotovoltaicas na estación depuradora de Lens, que presta servizo aos dous concellos. Tamén se executará a instalación de sistemas domóticos na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Ames, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, pavillón polideportivo de Bertamiráns, na Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda e na planta EDAR do Milladoiro. En Brión tamén levarán a cabo diversos traballos do mesmo tipo.

Ademais, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do Concello de Ames, no campo de fútbol de Bertamiráns, pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil municipal de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando de Brión, na depuradora da Ameixenda, depuradora do Milladoiro e no centro social polivalente de Brión.

Con motivo do comezo do obradoiro de emprego visitaron o Centro de formación de Aldea Nova o alcalde de Ames; Blas García; o alcalde de Brión, Pablo Lago; e maila concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Paz, para coñecer ao alumnado e ao profesorado do Renova V. García explicou que “dende os Concellos de Ames e Brión decidimos continuar organizando este obradoiro en enerxías renovables, en colaboración coa Xunta de Galicia, porque é un sector que está en auxe e que cada vez demanda máis profesionais formados. A formación que recibades neste obradoiro é fundamental porque son moitas as empresas interesadas en contratar aos alumnos que participan nos obradoiros antes do seu remate”. Blas García deulles ánimo e tamén lles dixo que farán máis visitas para ir comprobando a evolución deste obradoiro, que este ano incremento a súa duración ata os 12 meses.

Por último, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “o traballo feito un ano máis polos técnicos dos Concellos de Ames e Brión para poder poñer en marcha a quinta edición do obradoiro Renova, que permitirá dispor de novas instalación de fotovoltaicas e instalacións domóticas, pero tamén facer traballos de mantemento en instalacións xa existentes”. Tamén destacou que “da pasada edición o 50% do alumnado atopou traballo no sector das enerxías renovables, algo que é moi importante para a nosa Concellaría, pois vemos o froito do traballo que realizamos a diario en materia de emprego”.