Visita nocturna aos petróglifos de Ames o 10 de setembro

O vindeiro sábado, 10 de setembro, celebrarase a IV Visita Nocturna aos Petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra. Será dende as 21:30h, e a saída efectuarase dende o miradoiro do bosque do Peregrino, en Ventosa. A inscrición pode facerse no mail colectivoarula@gmail.com. As prazas son limitadas (25).

Estes dous petróglifos forman parte dos máis de vinte xacementos prehistóricos repartidos por Ames. Sitúanse na área arqueolóxica da Ventosa e pertencen ao conxunto do Parque Compostela Rupestre.

Tanto o petróglifo da Peneda Negra como o de Monte Castelo foron descubertos a comezos de século XX por Óscar Lojo-Batalla Sampedro, ex-alcalde amesán durante a II República e que tivo unha estreita relación co patrimonio galego. En 1909 Oscar Lojo conduciu ata estas rochas ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e o debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa, quen elaborou debuxos sobre os paneis para a súa exhibición na importante Exposición rexional celebrada en Compostela nese mesmo ano.

Mentres que o recordo da Peneda Negra mantívose, o petróglifo de Monte Castelo non foi redescuberto ata 2015, cando membros do Colectivo A Rula, procurando un acceso alternativo á Peneda Negra, encontraron de novo a rocha e recuperaron parte da súa memoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *