Volta ao cole para 2.500 cativos en Ames

308

Un novo curso escolar comezou esta mañá para dous milleiros e medio de nenas e nenos amesáns. A normalidade imperou en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial para regular o tráfico sen incidencias. Os colexios municipais, a escola de educación infantil do Milladoiro e as escolas unitarias abriron as súas portas como cada ano.

David Santomil, concelleiro de Educación, salientou sobre o ensino e a COVID-19 que “afrontamos con optimismo o comezo das clases, xa que as medidas que se adoptaron o curso pasado funcionaron”. Asegura que, sen descartar que “é posible flexibilizar un pouco esas medidas”, os protocolos son “moi similares aos que tiñamos antes das vacacións de verán”.

Na Escola de educación infantil do Milladoiro hai da orde de 300 nenos e nenas matriculados; no CEIP da Maía hai 570 matriculados; o CEIP Agro do Muíño conta 490 alumnos; no CEP de Ventín hai en torno aos 600 rapaces e rapazas de primaria, mentres que no CEIP de Barouta son 250 os alumnos matriculados para este curso.

As clases tamén deron comezo nas escolas unitarias. A escola de Covas recibiu a 12 nenos e nenas, mentres que a da Igrexa, en Ortoño, acolleu na mañá de hoxe a 17 cativoss. Por último, no colexio Alca esta mañá comezaron as clases sobre 200 alumnos.

O verán serviu para o desenvolvemento dun plan de mantemento que se realiza todos os anos. O Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación. As principais actuacións leváronse a cabo na reparación e mantemento das pistas polideportivas dos pavillóns do CEIP de Barouta e o CEIP Agro doMuíño, no marco do Plan de Mellora de patios escolares do Concello de Ames.

Novo comedor no CEIP A Maía

Unha das principais novidades que deixa o inicio do novo curso escolar e a posta en funcionamento do novo comedor do CEIP da Maía. O edificio destaca pola súa luminosidade e colorido exterior. Trátase dun edificio plenamente integrado na área exterior do centro escolar que se atopa onde estaba o antigo comedor deste colexio. O novo comedor dispón dunha capacidade de 230 prazas, acadando as 460 prazas en dúas quendas. Está integrado na Rede municipal de comedores escolares, con 1.400 usuarios entre sete centros escolares.