Volve o Café con Verso e Caldo de Gloria para homenaxear a Rosalía de Castro

Con motivo da celebración do aniversario dunha das escritoras máis universais de Galicia, a Concellaría de Turismo volve a poñer en marcha a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017, froito da colaboración entre o Concello de Ames e mailo poeta amesán Carlos Negro. Este ano o Café con verso desenvolverase o xoves, 22 de febreiro, nos locais hostaleiros do concello que se inscriban previamente.

Café con Verso estará amenizado por actuacións musicais a cargo de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais que se inscriban. Ademais, os músicos repartirán unhas tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura. Con esta iniciativa preténdese difundir a vida e obra da escritora, que ademais foi, durante unha etapa da súa infancia, veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Por outra banda, anímase aos cidadáns amesáns a consumir na hostalaría local.

Caldo de gloria
Ademais, con motivo da celebración do Día de Rosalía o Concello de Ames organiza a actividade denominada Caldo de Gloria. Esta actividade realizarase nos comedores escolares do CEP de Ventín, CEIP de Barouta, CEIP de Agro do Muíño e CEIP da Maía. O alumnado que asiste aos comedores nestes centros escolares poderá degustar o Caldo de Gloria, ao mesmo tempo que desfrutará dunha animación musical dos versos rosalianos da man de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *