Volve o concurso de decoración de Nadal

105
Farmalar, gañadora o ano pasado
Farmalar, gañadora o ano pasado

O Concello de Ames presentou hoxe novas edicións dos concursos de escaparates de Nadal (XVIII edición) e de decoración de Nadal veciñal (que se celebra por segunda vez). No concurso de escaparates repartiranse 4.000 euros entre catro premios de 1.500, 1.199, 800 e 600 euros. Os comercios gañadores tamén poderán anunciarse gratuitamente en Ames Radio durante un mes. As solicitudes para participar xa están abertas na Casa do Concello ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro, así como na sede electrónica. O prazo pecha o 5 de decembro.

A decoración terá como motivo o Nadal, e como máximo poderá presentarse un proxecto por establecemento. Os escaparates deberán estar expostos ao público, como mínimo, entre o 9 de decembro e o 1 de xaneiro. Todos os participantes terán que enviar unha foto da súa decoración ao enderezo de correo promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.

Tamén se celebra a segunda edición do concurso de decoración de Nadal veciñal, que busca incentivar a creatividade dos veciños do municipio, participando e colaborando na decoración de fachadas, balcóns, fiestras e xardíns cun espírito festivo. Neste caso, as decoracións deberán estar expostas entre o 9 de decembro de 2023 e o 6 de xaneiro de 2024, e só poderá presentarse un único proxecto por vivenda.

Os adornos e decoracións deben ser típicos de Nadal. A zona ten que ser totalmente visible dende a vía pública. O elementos decorativos terán que situarse sobre as fachadas, balcóns, fiestras e xardíns respectando as medidas de seguridade e sen afectar ás rúas. Ademais, estará totalmente prohibido empregar elementos pirotécnicos.

As persoas que queiran participar no concurso de decoración veciñal poden inscribirse de balde ata o 5 de decembro inclusive, presentando a súa solicitude nos rexistros municipais ou a través da Sede electrónica do Concello. Os participantes deberán aportar antes do día 18 de decembro de 2023 (incluído) cando menos 2 fotografías polas que se poida visualizar a decoración realizada. Enviaranse a promocioneconomica@concellodeames.gal,  facendo constar o número de rexistro da solicitude de inscrición do Anexo I e a identidade do representante.

Valorarase a creatividade, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta ademais a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, terase en conta o uso de iluminación como foco de atracción e o uso de material reciclado. Repartiranse 2.000 euros, divididos en catro premios de 500 euros cada un.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que o concurso de escaparates é un certame xa consolidado e que este ano se aposta por segunda vez por implicar á veciñanza co seu propio concurso. Durante a presentación, o alcalde de Ames, Blas García, destacou “a vontade do Concello de axudar ao comercio local con iniciativas que animen aos veciños a mercar no seu municipio”.