Volven as actividades de grupo da Aula da Natureza nos centros educativos

119

Fenoloxía, horticultura, prevención de lumes ou roteiros polo monte. As actividades da Aula da Natureza aproveitan as árbores, as plantas, a paisaxe ou a terra como vehículo para que a rapazada desenvolva o seu interese polo medio. “Están emocionadas e emocionados co todo o tema de bechos e insectos que atopamos”, comentou a mestra da Escola Unitaria de Covas, Silvia Seoane, despois de que unhas 12 nenas e nenos do centro comezaran a traballar nunha horta habilitada no xardín da escola. Na primeira sesión da actividade, a rapazada plantou “allos e outros produtos da época”, segundo Patricia Reboreda, responsable da Aula da Natureza de Ames. “Ao día seguinte xa foron correndo ao horto para comprobar se medraran algo as sementes”, destacou a mestra Silvia Seoane do seu alumnado, que quedou “encantado” coa súa nova horta.

A recepción das propostas da Aula da Natureza habitúa ser moi positiva: nalgunhas ocasións ata é o propio alumnado dos centros o que propón novas actividades. É o caso das rapazas e rapaces de 6º de primaria do CEIP de Barouta, que tomaron a iniciativa de repoboar con árbores varias leiras como faixa de seguridade para posibles lumes. “O proxecto parte dun alumno que pensou que antes de marchar do ‘cole’ poderían deixar feita unha acción entre os compañeiros e compañeiras de tantos anos”, indicou Reboreda. A implicación coa natureza e co medio ambiente é un punto en común entre unha nova xeración de rapazas e rapaces, máis concienciados na loita contra a crise climática. Así tamén o cre Silvia Seoane, que “sen dúbida” percibe que achegar á rapazada á natureza “fai que se impliquen máis e lle dean máis importancia”.

Os máis pequenos e pequenas do CEIP de Barouta tamén realizaron a súa propia saída en grupo nas últimas semanas. A cativada gozou dun roteiro polos montes da parroquia de Lens, no que se rodearon de cores, sons, texturas, froitos e animais que habitan o espazo natural. Neste caso, a experiencia non foi de todo plena, xa que parte da sinalización do camiño sufriu actos de vandalismo que impiden o seu uso. “Posiblemente as persoas que realizan estes actos non saiban o gran prexuízo que provocan no achegamento á natureza dos máis cativos”, puntualizou Patricia Reboreda.

As experiencias en grupo co medio tamén retornaron ao IES de Ames. O alumnado da disciplina de paisaxismo e 1º da ESO iniciou un plan de observación fenolóxica no xardín do centro, do que xa levan varias sesións. A rapazada adolescente recibiu nun primeiro lugar conceptos básicos de fenoloxía: seleccionar especies, frecuencia de observación e eventos para anotar, para despois saír fóra de centro e aplicalos á realidade. As alumnas e alumnos recolleron datos nas instalacións exteriores do IES, para despois facer unha saída polo Rego do Andoriña co fin de contemplar diferentes tipos de paisaxe.

A volta das actividades de grupo coa natureza están a ter unha excelente recepción do alumnado e dos equipos docentes e directivos, que ven como a rapazada aproveita as experiencias non só para aprender do entorno, senón que tamén para crear grupo e tecer amizades e conciencia ambiental. “As saídas son un xeito máis de compartir cos compañeiros e compañeiras, de socializar, de respectar quendas e momentos e de construír algo xuntos en comunidade”, destacou a mestra Silvia Seoane. Uns intres de pausa e de desconexión despois duns meses nos que a cativada estivo máis afastada do habitual do mundo que lles rodea. En definitiva, en palabras de Seoane, “un momento de calma, de observación e de poder axudar”.