Xa á venda as entradas para a programación de artes escénicas dos próximos seis meses

310

Dende hoxe están dispoñibles na Billeteira do Concello de Ames as entradas para os dezaseis espectáculos de teatro, danza e novo circo do itinerario cultural amesán da primeira metade de ano. Con catro representacións para o público infantil e doce para o adulto, os prezos serán de 4 e 5 euros, respectivamente, con descontos do 50% para varios colectivos.

Ademais da opción en liña na Billeteira municipal, as entradas poderán retirarse unha hora antes do inicio das representacións nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, no caso de estaren aínda dispoñibles. Non se admitirán cambios nin devolucións. Os grupos que se beneficiarán de descontos nas entradas serán as persoas maiores de 60 anos, as familias numerosas, o estudantado con carné de estudante, a mocidade co carné xove, a rapazada menor de 12 anos e as persoas demandantes de emprego. No control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación necesaria para xustificar estes casos.

A proposta que inaugurará a programación será “Gloria Nacional”, unha comedia dirixida ao público adulto da compañía Teatro do Noroeste, que se representará o próximo venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola súa banda, a oferta para público infantil comezará o venres 11 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, con “Ás para Álex”, un espectáculo de monicreques da compañía Baobab Teatro.