Xa está aberto o prazo de inscrición na sexta edición dos Premios Youtubeiras

144

Youtubeiras acada a súa sexta edición. O certame, organizado por doce servizos de normalización lingüística municipais, as tres universidades galegas e mais a Deputación da Coruña, procura fomentar a creación de contidos dixitais en galego, cubrindo temáticas e formatos diversos. O prazo desta edición xa abriu. Toda a información da convocatoria foi presentada nunha rolda de prensa en Pontevedra coa presenza do concelleiro de Normalización Lingüística do Concello Pontevedra, Alberto Oubiña; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamaría, e a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda. Do Concello de Ames acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e mais a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

Esta edición leva por lema “Para rede, a nosa”. A iniciativa xorde, segundo o concelleiro pontevedrés Alberto Oubiña, “da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, ten como meta consolidar e ensanchar a comunidade creadora na nosa lingua na Rede”

Quiroga, pola súa banda, centrou a súa intervención en esmiuzar as novidades das bases deste ano. Os galardóns entregarán 7.500 euros en premios distribuídos en oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros.

O xurado desta edición estará constituído por Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018.

A concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, dixo que “é un orgullo para Ames seguir formando parte da comunidade Youtubeira que desenvolve este proxecto colaborativo tan necesario e apaixonante”. Ademais, engadiu que “é moi positiva a realización de proxectos como Youtubeiras, que xa vai pola sexta edición, porque fan medrar o uso da lingua galega na rede. Animo a todos os veciños e veciñas de Ames a que participen neste proxecto para que a comunidade Youtubeira continúe medrando e cada vez teña máis contido en galego e reproducións”.