Xa está aquí o novo Xuño Lúdico

Hoxe comezou, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, o programa de conciliación Xuño Lúdico, que se desenvolverá ata o próximo venres, 30 de xuño.

435

O obxectivo é que o último día, as nenas e nenos participantes, divididos en diferentes grupos, interpreten a súa propia obra de teatro

Ao longo desta semana desenvolverase, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, o programa de conciliación Xuño Lúdico. Este ano as actividades están centradas en torno ao teatro, polo que as nenas e os nenos participantes terán que pensar, desenvolver e interpretar a súa propia obra.

As actividades, que alén de lúdicas teñen un marcado carácter formativo, xiran, nesta edición, arredor do mundo do teatro. O obxectivo é que o último día, as nenas e nenos participantes, divididos en diferentes grupos, interpreten a súa propia obra de teatro. Para isto, serán elas e eles propios a pensar en todos os aspectos que se requiren para pór en marcha unha obra: o guión, a vestimenta, a maquillaxe, o decorado, a creación do cartel… A única condición que existe é que as obras teñen que estar situadas en lugares emblemáticos do concello.

Alén disto, tamén haberá, ao longo desta semana moitos xogos, varios dos cales xirarán arredor do ámbito da interpretación. Así, algúns deles estarán orientados á expresión oral ou xestual, ou ao fomento da imaxinación con obradoiros de improvisación. Asemade, tamén haberá obradoiros de monicreque e de máscaras, entre outras actividades.