Xa pode solicitarse a devolución do saldo das tarxetas Merc@mes

200

Dende este 16 de novembro comeza a devolución da parte proporcional dos saldos das tarxetas bono, unha vez que as dúas fases da primeira campaña xa remataron. O 60% do saldo da tarxeta que non foi gastado, o que corresponde coa achega das persoas beneficiarias da subvención, poderá ser reclamado á entidade Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) ata o 16 de decembro, cumprimentando un formulario e enviándoo ao enderezo electrónico bonosames@gmail.com. A concellaría de Promoción Económica lémbralles aos donos das tarxetas que non se desfagan delas, dado que poderán empregarse en futuras campañas. 

Poderase recoller tamén o formulario nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, nas oficinas de Servizos Sociais de Bertamiráns e na propia casa consistorial, se ben a reclamación debe presentarse de igual maneira vía correo electrónico, no enderezo bonosames@gmail.com.

Unha vez rematada a campaña, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo agradecer de novo a implicación da veciñanza e do tecido empresarial local. “Agradezo a todas as veciñas e veciños de Ames, así como ás visitantes da contorna o moito que axudaron ao noso comercio local e á hostalaría durante esta campaña de Merc@mes. Asemade, quero ter un recordo para as tres asociacións de empresarios do concello, a Xuntanza de Empresarios de Ames, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro e a Asociación Palmira Bulevar, que se implicaron e colaboraron connosco”.

A Concellaría de Promoción Económica puxo en circulación nesta segunda fase da campaña Merc@mes 2800 tarxetas, das que se venderon 1000 tarxetas de 50 euros e 1800 tarxetas de 100 euros, o que supón un total de 230.000 euros dirixidos á promoción do comercio e da hostalaría local. O volume de negocio total da campaña Merc@mes, témolo todo! ascende a 430 mil euros se temos en conta a primeira fase.