Xosé Ramón Mariño Ferro, antropólogo: “O Samaín recupera unha tradición auténtica cun nome novo”

122

A festa do Samaín é unha desas celebracións que foron asomándose devagar aos calendarios, ano a ano, ata que se normalizaron. Se cadra, hai vinte anos era unha palabra estraña en Santiago ou en Bertamiráns, pero nas pasadas décadas ten gañado presenza e hoxe en día celébrase con relativa forza a carón do Halloween, o seu “curmán americano”. É precisamente nesa tensión entre cultura autóctona e cultura estranxeira onde se contrapón decote o Samaín, como unha suposta tradición galega, fronte ao americano Halloween. Faise así mesmo tendo en conta que Samaín non é unha palabra galega senón irlandesa, pero que faría referencia, no noso caso, a celebracións no rural galego emparentadas con outras doutras costas atlánticas. Unha sorte de nome estranxeiro para denominar un fenómeno local con ecos europeos. Cedeira foi a primeira vila de Galicia onde, xa hai máis de tres décadas, se pulou por “recuperar” o Samaín.

Xosé Ramón Mariño Ferro (O Pino, 1950) é unha das voces máis destacadas nos estudos antropolóxicos galegos. Profesor titular de Antropoloxía Cultural na USC durante moitos anos, ten realizado extensos traballos de campo en Galicia ou en Bolivia, centrándose nas crenzas, o simbolismo e a literatura oral. Conversamos con el para dilucidar o carácter tradicional destas celebracións que seguen cobrando forza. Queremos responder á pregunta: invasión ou recuperación cultural?

Estase a recuperar o Samaín por toda Galicia. Cabre preguntarse se se trata dunha verdadeira tradición ou se é unha “neotradición”. Como a definiría vostede como antropólogo?
A tradición é auténtica. O que é novo e o nome. Samaín é un nome galés que significa outono. É algo parecido ao que acontece co nome de Halloween, que significa orixinalmente “Véspera de Todos os Santos”. Nós tiñamos esa festa en Galicia, aínda que non é das máis destacadas no calendario tradicional galego e europeo. O que se incorporou como algo novo porque semellou máis exótico foron os nomes: Samaín ou Halloween. Pero nós tiñamos esta festa como a tiña toda Europa.

Baixo eses nomes celébranse hoxe en día eventos na nosa contorna. En que medida festexamos a tradición ou outra cousa distinta? Moitos elementos parecen importados dos Estados Unidos.
E os Estados Unidos importáronos antes dende Europa. Como pasa noutras festas, mándannolos de volta. Pasa o mesmo con Papá Noel. As tradicións regresan de volta con aspectos novos. Iso dos disfraces non existía aquí. A versión que se celebra hoxe chegounos pola tele e o cine, pero a festa non se inventou nos Estados Unidos, senón que foi levada alá polos emigrantes europeos.

E volveu cambiada?
En América desenvolveuse nun contexto urbano, fronte ao rural que era aquí maioritario. Agora veu de alá adaptada ao cambio que tamén viviu o noso país: somos unha sociedade máis urbana e máis consumidora do que eramos antes. Pero os elementos fundamentais da celebración preexistían aquí. Todas as festas de tradición cristiá europeas, como é o caso desta, adáptanse ao mesmo esquema: constan dun dia santo (Tódolos Santos) e a véspera. O modelo máis evidente no noso país é San Xoán, un día consagrado por ser o máis longo do ano e unha véspera de desorde e bruxería. Ese esquema aplícase a todas as festas e tamén ao caso de Tódolos Santos e a véspera. Aquí tamén había bromas e trucos. Existían tamén varios elementos propios como a referencia aos defuntos, de aí as cabazas con forma de caveira. Son alusións á morte, que é o propio destas festas. Isto enténdese ben se se compara coas romarías: o romeiro vai a un lugar sagrado e vaise purificando camiñando. Ese camiño de purificación é o que se percorre, a nivel temporal, entre a véspera e a festa. Ritualízase o mal, todo o que non é santo, na véspera. Aquí existía esta celebración, levouse a América e volveu desenvolta e urbanizada.

Esa oposición entre festa e véspera parécese ao Entroido como antesala da Coresma.
Claro, pero o Entroido é un pouco especial porque se prolonga varios días. A festa que se prepara é a Semana Santa. Pero a festa máis semellante á que nos ocupa é o San Xoán. E o mesmo pasaba en San Pedro. No caso do Halloween, a palabra provén de “All Hallow’s Eve”, literalmente a véspera de todos os santos. Non nos damos conta do significado por non coñecer a orixe do nome. E esa véspera é o día dos defuntos, da morte, dos disfraces e todo iso. Aquí a celebración estaba máis reducida, fundamentalmente ás cabazas con forma de caveira. E ademais aquí a festa ten outra característica que non existe nos Estados Unidos.

Cal é?
Os magostos. As castañas están relacionadas coa morte.

En que sentido?
Debemos diferenciar o Día de Tódolos Santos do de Defuntos. O Día de Tódolos Santos comezouse a celebrar no século VII como adaptación do panteón dos deuses romanos. Cambiouse para a adoración á Virxe e dos Santos. Uns séculos despois comezouse a celebrar Defuntos. E na práctica, en Galicia, é unha festa única dedicada a todos os santos e os defuntos. E por que as castañas? Por unha banda, porque é a época na que se dan, evidentemente. Pola outra banda, pola súa connotación simbólica. A castaña vén dunha árbore que pode vivir centos de anos. Incluso supera o milenio de vida. A castaña representa a crenza noutra vida despois da vida, na vida eterna. Por iso se comían na festa. Podíase facer o magosto no propio souto, no monte, e deixábanse alá unhas castañas para os mortos despois de comeren os vivos. Ou podía celebrarse na casa, deixando tamén para os defuntos. Na área compostelá rexistrouse no século XX un costume xa practicamente desaparecido, como se coñeceu en Viveiro e noutros sitios, de comer as castañas no cemiterio. Coma quen di que “é o día dos mortos, pero nós cremos na vida eterna”.

Na zona da comarca de Santiago?
Si, pero xa hai mais de cen anos. Levaban zonchos, que é a castaña cocida coa tona, colocados en restra formando colares, e levaban os colares postos. Noutros sitios comíase a castaña asada.

Entendo que no caso específico de Samaín non falamos, xa que logo, dunha invasión senón dunha recuperación cultural?
Unha recuperación con algún elemento novo, pero recuperación ao fin e ao cabo. O Samaín recupera o que había aquí. No caso dos disfraces de Halloween, aínda que aquí si houbera caveiras de cabaza e historias de mortos, o que nos chegou foi unha tradición urbanizada. Pero aquí xa se celebraban estas cousas.

Hai algún outro trazo específico desta festa na nosa comarca?

Non coñezo ningún outro costume específico. Son festas comúns a toda Galicia como as festas galegas son comúns a Europa, con diferenzas lóxicas. Onde non hai castañas non hai magostos, pero as festas europeas parécense todas. A cultura galega dende a Idade Media e plenamente identificable coa do resto de Europa: o Entroido, as romarías… Con algúns matices, claro, porque as festas se adaptan á xeografía local.

Vostede estudou tamén culturas americanas…
Si, estudei os quechua.

Hai algunha ligazón entre a vivencia da morte na cultura tradicional galega e a que se dá do outro lado do Atlántico?
Sería moi atrevido falar dos milleiros de culturas do outro lado do Atlántico. Pero todas as culturas teñen unha maneira de ritualizar a morte e crer e simbolizar a existencia doutra vida. Todos os humanos temos medo á morte e precisamos explicar o que hai despois e ter fe noutra vida. Iso parécese entre todas as culturas. Pero a maneira de representalo e vivilo cambia moito entre elas. Por exemplo, onde eu estiven non se celebraba Defuntos como aquí. Celebrábase de modos que non teñen moito que ver, pero no fondo sempre está a crenza de que os defuntos seguen vivos e poden visitarnos. O caso clásico é a Santa Compaña, que significa que os mortos están presentes aínda nas nosas parroquias.