Xunta e Concello dialogan sobre o Ciclo Integral da Auga

311

A Xunta e o Concello sentáronse hoxe fronte a fronte para tratar o Ciclo Integral da Auga. O alcalde, José Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza esta mañá con Gonzalo Trenor López, delegado provincial da Xunta. No encontro falouse do proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde, informándose da situación actual da EDAR e da necesidade de ampliala. Dende o Concello lembráronlle a Trenor que existe xa un compromiso de Augas de Galicia, pero non se teñen feito avanzos neste aspecto.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta mañá unha xuntanza co delegado provincial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor López, na que se abordaron diversos temas relacionados con Infraestruturas (senda dende A Pontenova ata A Ponte Maceira e ampliación de beirarrúas dende Balindo, na parroquia de Piñeiro, ata Portomouro) e que atinxen ao Ciclo Integral da Auga (proxecto de ampliación da depuradora de Sisalde, proxecto de saneamento en Tapia e Piñeiro, potabilizadora de Lens e extensión de rede de abastecemento ata O Milladoiro).

Na reunión tamén se tratou o proxecto de saneamento en Tapia e Piñeiro. Esta iniciativa, compartida co Concello da Baña, abarca estas dúas parroquias de Ames e a de Troitosende no municipio veciño. O Concello de Ames asegura que é urxente acabar co proxecto, cuxos traballos xa comezaron, para poder coñecer e tratar o seu financiamento.

Tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de ampliar a rede de abastecemento do depósito de Castiñeiro do Lobo para levar auga ao Milladoiro e non ter que mercalla a Santiago de Compostela. Esta carencia, a xuízo do Goberno local, “impide urbanisticamente un desenvolvemento óptimo do Milladoiro”. A obra custaría un millón de euros e necesita que se redacte un proxecto e financie o investimento.

A Xunta informou ao Concello na Xuntanza sobre o seu interese por crear un ente público de xestión do Ciclo Integral da Auga de todos os concellos coa implicación da Xunta, Deputacións e os propios Concellos. Ames xa traballa na creación dunha empresa pública para este ben básico, que previsiblemente entraría a funcionar cando acabe o contrato con Espina y Delfín.

Infraestruturas
Os representantes municipais e o da Xunta abordaron tamén temas sobre infraestruturas. Entre eles, a senda da Pontenova á Ponte Maceira, do que existe un proxecto orzamentado, pero atópase coas trabas de Patrimonio que pide cambiar a marxe do río pola que discorre.

O Concello solicitou tamén a posibilidade de construír unha beirrarúa ou senda peonil entre o lugar de Balindo, na parroquia de Piñeiro, e Portomouro (Val do Dubra). Unha senda que daría servizo a moitos veciños e veciñas para os seus desprazamentos ata o concello veciño.

Dende o Goberno municipal salientan a boa disposición por parte do delegado, que amosou interese polos temas tratados e comprometeuse a estudar as posibilidades de solucionalos. José Miñones agradeceu a presenza de Gonzalo Trenor e valorou “positivamente este tipo de xuntanzas nas que debe de primar a colaboración e o diálogo entre as institucións”.