Xuntanza do Concello cos veciños afectados pola eliminación da liña de autobús de Ortoño

347

O pasado mércores o alcalde de Ames, Blas García e o concelleiro de Medio Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez mantiveron unha xuntanza con representantes das asociacións de veciños/as de Ortoño, Bugallido e Biduído, para darlle traslado de como está na actualidade a situación sobre as xestións realizadas por parte do Concello de Ames para tratar de restituír a liña de autobús que conectaba Santiago de Compostela con Ortoño.

En primeiro lugar, García trasladoulles que o Concello de Santiago non informou favorablemente ao convenio presentado polo Concello de Ames no mes de xuño. Este convenio propoñía que o Concello de Ames asumise o custe da prolongación da liña urbana P2 no termo municipal de Ames. Os técnicos e o departamento xurídico non ven posible informar favorablemente ese convenio, e argumentan, entre outros asuntos, que se vai a licitar un novo contrato para o transporte urbano e que ese novo contrato non contempla dita liña.

Ante este novo escenario o Concello de Ames presentou tres alternativas ou tres posibles solucións. Son tres medidas coas que o Concello de Ames quere dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños e veciñas das tres parroquias, afectadas pola supresión o pasado mes de decembro da prolongación da liña urbana P2. O alcalde de Ames, Blas García, vaille presentar estas tres propostas ao Director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro o vindeiro xoves 7 de outubro.

O xoves día 7 ás 20:00 horas o alcalde de Ames volveu convocar aos representantes das asociacións de veciños/as afectadas para informalos dos resultados da reunión mantida co Director Xeral de Mobilidade.