Youtubeiras acada a súa sétima edición

454

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, entre os que se inclúe Ames; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, pon en marcha tanto unha nova edición dos seus premios como o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.

“Volve Youtubeiras un ano máis e volven os seus premios nunha sétima edición que continúa a afondar na súa consolidación”, adiantou Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, nunha rolda de prensa que se celebrou esta mañá, e na que estivo acompañado por Blas García, alcalde de Ames; Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois; e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Neste senso, Gómez Xunqueira sinalou que “este é, polos seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”.

A senda da consolidación é un elemento que foi destacado ao longo das diferentes intervencións para definir uns premios que, neste 2023, se celebran baixo o lema “Rede aberta, rede diversa”. “Debemos tomar conciencia de é imprescindible que todos e todas nos impliquemos na defensa da lingua galega, en especial a administración autonómica. É unha fantástica noticia que se poida empregar o galego no Congreso”, sinalou Blas García, alcalde de Ames, que tamén destacou a consolidación dos galardóns como referente, explicando que o proxecto “serviu para dar acubillo a esta comunidade creadora na nosa lingua, fomentar a súa actividade e tamén a súa medra e expansión”.

Prazo, contías e xurado
Pola súa banda, Victoria Quiroga aproveitou a súa intervención para lembrar as categorías. “Este ano repítense as mesmas categorías e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na lingua en YouTube, traballo que a organización vén desenvolvendo con notable éxito dende a posta en marcha do proxecto Youtubeiras en 2017”, sinalou a concelleira de Rois, quen quixo valorizar o “importante” que resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento da lingua” como é o caso de Youtubeiras.

“As sinerxías, o intercambio e a suma de forzas son esenciais para o noso idioma”, sentenciou Quiroga, antes de desvelar os nomes que conforman o xurado deste 2023: Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas; e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022. O prazo para presentarse iníciase hoxe mesmo e manterase aberto ata o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal.

Medra en número e en calidade
Pola súa banda, Susana Reboreda centrou a súa intervención en achegar as cifras que obtiveron os Premios Yotubeiras ao longo da súa historia. “No ano 2017, correspondente á primeira edición, rexistramos unha participación de 202 vídeos. Mentres, en 2020, a cifra chegou a 536. A partir desa edición, procuramos fixarnos nas canles. Así, en 2021, presentáronse 38 canles, pero xa en 2022 a cifra chegou a 75”, resumiu Reboreda. A esta medra na participación cómpre sumarlles outras melloras rexistradas. “Incrementouse, ano a ano, a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico”, explicou a vicerreitora da Universidade de Vigo.

Campañas de difusión
“O proxecto Youtubeiras non só se reduce aos premios. En realidade, é un espazo maior para a unión e ao servizo dunha comunidade diversa e tamén un espazo que procuramos ampliar”; sinalou Reboreda en referencia aos obradoiros que o proxecto desenvolverá nos centros de ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa, coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede, a súa experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.

Nesa mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para darlles a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de contidos en galego. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.

Na rolda de prensa tamén estiveron representantes institucionais e persoal técnico de Normalización Lingüísticas das diferentes institucións organizadores. Dende Carballo acudiu a concelleira Maruxa Cotelo, de Moaña asistiu a concelleira Dolores Chapela e por parte de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro. A concelleira María Vázquez representou a Teo e Soledad Agra acudiu en nome da Deputación da Coruña.