Youtubeiras premia a calidade na súa quinta edición

112

Os V Premios Youtubeiras xa teñen gañadoras e gañadores. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta noite a súa gala de entrega que, neste 2021, estivo conducida polo grupo Tanxugueiras. Os galardóns, organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, procuran dende 2017 a promoción e visibilización das  persoas creadoras na nosa lingua na Rede. Durante a gala, os membros do xurado, conformado por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez en calidade de secretaria,  deron a coñecer o seu veredicto en cada unha das categorías. O xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”.

O gran triunfador da noite foi Olaxonmario, quen acadou dous dos cinco galardóns aos que aspiraba: Youtubeira/o e Vídeo. O xurado destacou deste creador, a quen cualificou de “referente nas redes sociais”, a súa capacidade de “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”. Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, sinalouse que se trataba dun “dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”. Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”,  apuntou o xurado. Estas tres categorías contan cunha dotación económica de 1.000 euros.

O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de 2.000 reproducións por vídeo.

O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, dado que en moi pouco tempo conseguiu facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. A canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que a gañadora do galardón musical foi para Cousxs.

 “Un referente indiscutible na divulgación didáctica de contidos”. Así definiu o xurado a Xacobo de Toro, quen se alzou co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Estas nove categorías contan cunha dotación económica de 500 euros.

Os galardóns foron entregados por representantes das diferentes institucións organizadoras do Proxecto Youtubeiras. Xunto aos distintos membros do xurado, subiron ao escenario o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade de Negreira, Mar García Vidal, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín. Exerceron tamén como entregadores/as o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Obiña; o concelleiro de Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, a concelleira de Cultura e Educación de Teo, María López Álvarez; a concelleira de Cultura e Turismo de Ribadeo, Pilar Otero Cabarcos; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina, e a concelleira de Política Social, Emprego, Educación e Cultura da Baña, Mónica González. 

Ademais, entre os asistentes tamén se atopaban outros representantes municipais como a concelleira de Negreira de Educación e Sanidade, Teresa Douro, ou o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural de Ames, Manuel Lens.

Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, destacou na súa intervención en nome da organización que este ano se procurou a consolidación da “figura de youtubeira”. “Non se permitiu que se presentasen vídeos illados coa intención de fomentar a creación e o mantemento de canles en galego, queriamos así valorar aínda máis a figura youtubeira que xurdiu arredor desta iniciativa”, sinalou Pereiro tras agradecer a todas as institucións implicadas o seu esforzo nestes galardóns, que repartiron 7.500 euros entre as persoas gañadoras. Pereiro, ademais, destacou a “calidade dos vídeos” e para concluír, animou “a continuar proxectando o galego como lingua viva e con capacidades magnéticas”, facendo así referencia ao lema que acompañou a esta quinta edición dos Premios Youtubeiras: Magnetismo en liña.