A Deputación financia a senda peonil de Bugallido a Costoia

458

A Deputación da Coruña financiará a construción dunha senda peonil que conectará as aldeas de Outeiro, na parroquia de Bugallido, e de Costoia, na parroquia de Biduído.  O investimento será de 184.547,41 euros a través do seu Plan Único para mellorar a seguridade viaria .

O Concello acaba de sacar a licitación a obra. As tarefas permitirán construír unha senda peonil de 1.115 metros de lonxitude dividida en sete treitos. Previo á execución do pavimento, levarase a cabo a canalización da tubería de PVC e executaranse 32 pozos de rexistro con sumidoiro para recollida de augas pluviais. 

O concelleiro de Obras e deputado provincial, Blas García, afirma que esta obra “vén a unirse a outras que levamos realizando xa no noso concello, tanto no anterior mandato como no actual, e que consiste na canalización de cunetas para a construción de sendas peonís”. A senda da Condomiña, a de Vilouta (Tapia), Eirapedriña e Framán (Bugallido), Biduído de Abaixo, primeiro tramo da estrada de Lapido, etc. xa construídas, xunto coas de Sisalde a Agro do Muíño, e Lapido a Maguxe (Ortoño), Ventín a Coira (Biduído) xa proxectadas e orzamentadas, forman parte da futura rede de conexión peonil de núcleos do concello, explica Blas García, “con esta rede peonil pretendemos unir e darlle conexión peonil a diferentes núcleos do noso municipio para facilitar o tránsito a pé con seguridade”.

Esta actuación atende a unha vella demanda da veciñanza da zona, que permitirá mellorar a seguridade peonil nesta estrada que conecta o municipio de Ames co veciño Santiago de Compostela. Os traballos contarán cun prazo de execución de 6 meses.