Ames aposta pola súa nova ruta xacobea

430

O Pazo da Peregrina acolleu na tarde de onte unha xuntanza con representantes dos sectores sociais e culturais do Concello na que se deu a coñecer un avance do Plan estratéxico que prepara a “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia” para o exercicio 2020-2022. Tomaron parte na reunión o concelleiro de Turismo, Manuel Lens e a técnica do departamento, Sonia Moure, a concelleira de Cultura, Natividade González, e o delegado da “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia”, Sebastián Valverde. Tamén acudiron representantes da veciñanza de Ortoño, Biduído e Bugallido, as tres parroquias polas que pasa o camiño no municipio. Estiveron ademais o párroco de Ortoño, José Manuel Dorelle, e algunhas creadoras amesás como a palilleira Ana Rosa Lista e Mónica de Térteres e a xestora cultural e turística, Luísa Ferreiro. Tamén acudiu á xuntanza Laura Lado, en representación da Asociación “Rutas a pie”.  

As impresións que deixa a reunión, segundo fontes municipais, son as de “apoio, boa acollida e intención de participar en todo o que se poida”. Para o edil de Turismo, Manuel Lens, “é moi de valorar o interese que está a suscitar esta nova ruta xacobea que pasa por Ames entre os sectores que a van coñecendo; desta volta presentámoslla ao sector da cultura e ao tecido social, axentes imprescindibles para o bo desenvolvemento do proxecto, e é toda unha satisfacción as propostas e ideas aportadas”. Lens engade que “gustaríame agradecer o traballo que están a facer no colexio Agro do Muíño, que sirve de base para implicar ás familias no desenvolvemento e difusión da ruta entre a poboación de Ames”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, amosou o seu apoio ao proxecto, salientando a presenza do mundo da cultura no desenvolvemento da ruta: “se ben o camiño pode poñer en valor a riqueza cultural do concello, tamén pode ser un acicate para que nazan novos proxectos e actividades culturais ao seu abrigo”.

Un Camiño con historia
A ruta xacobea “Camiño da Ría de Muros – Noia” entra en Ames, desde a parroquia brionesa de O Tremor, pola aldea de Carballido, continúa por Cantalarrana e desemboca na ponte da Condomiña. Após de atravesar a estrada xeral que une Bertamiráns con Osebe, a ruta continúa pola estrada vella de Ortoño, pasa por Outeiro, Bugallido e Fraiz e chega a a Moniña, no límite con Compostela. O paso do camiño por este traxecto, lindeiro co núcleo urbano de Bertamiráns, constitúe a última etapa da ruta antes de chegar ao concello de Compostela.

Este camiño xa era ruta xacobea no século XII e foi recuperado após unha investigación de tres anos a través da que, logo de revisar cartografía e documentación histórica, puido acreditar que os peregrinos e peregrinas que completaban a ruta que pasa polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela, recibirán a “Compostela”.

Os Concellos que integran a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia, entre os que se atopa Ames, elaboraron un traballo documental que conta de máis de 300 páxinas sobre esta Ruta Xacobea Histórica. Este traballo foi elaborado polo arquitecto Marcial Rodríguez, o urbanista Javier Harguindey, e mailo arqueólogo e historiador Mario César Vila.

Na actualidade a “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia”, traballa na elaboración dun Plan Estratéxico para o período 2021-2022  co obxecto de planificar os pasos que se deben dar tanto no ámbito institucional e administrativo como no social, económico e turístico.

Co obxectivo de seguir avanzando na realización deste plan, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica do departamento, Sonia Moure, reuniranse mañá en Porto do Son co resto dos concellos que forman parte da Asociación.

Os alumnado de 4º de Primaria de Agro do Muíño estuda o camiño ao seu paso por Ames
Acudiron tamén á reunión o secretario do colexio A Maia, Francisco López, e a directora do CEIP  Agro do Muíño Carmen Liñares. Precisamente neste centro educativo, o alumnado de 4º de Primaria está desenvolvendo un traballo sobre a riqueza patrimonial, toponímica e medioambiental deste tramo do Camiño, traballo no que, segundo destacou Carmen Liñares, están moi implicadas as familias dos alumnos e alumnas que “deron conta de canto sabían, foron facer fotos e ofreceron unha información absolutamente valiosa para o traballo”. Liñares anunciou que á volta das vacacións de primavera teñan previsto facer dúas saídas para percorrer o tramo do Camiño que vai de Ames a Compostela.    


Compartir
Artículo anteriorAmes aproba o seu maior orzamento municipal
Artículo siguienteA hostalería, ata as 21h
AMSGO! tráeche a información local do máis preto de ti. Temos soporte online e unha publicación mensual física que repartimos de balde nos negocios, prazas e rúas de Ames.