As bibliotecas de Ames celebran o Día de Rosalía

182

O Concello de Ames organiza, con motivo do Día de Rosalía, diversas actividades para conmemorar a figura da escritora, poñer en valor a súa obra e revitalizar a súa filosofía, así como para dar a coñecer a súa poesía entre a veciñanza amesá e lembrar o vencello da autora e a parroquia de Ortoño, onde pasou parte da súa infancia. O departamento de Bibliotecas súmase á programación, poñendo en marcha distintas iniciativas para achegar á poboación o pensamento e os versos de Rosalía: un mural, unha visita grupal ás instalacións da biblioteca do Milladoiro, unha mostra bibliográfica e unha sesión de contacontos. 

Tanto a biblioteca do Milladoiro como a de Bertamiráns contan, dende o día 13 de febreiro, cun mural denominado “O xardín de Rosalía”. Alí, todos os usuarios e usuarias que o desexen poden depositar flores deseñadas e creadas por eles e elas mesmos/as, nas que se plasmen distintos versos que compoñen a obra de Rosalía de Castro. Deste xeito, quen pase por diante do mural pode deterse a ler algunhas das poesías máis coñecidas da escritora.

Por outra banda, os e as integrantes da asociación Arcea-Adames, que realiza talleres ocupacionais para persoas con diversidade funcional, farán unha visita conxunta á biblioteca do Milladoiro para ver o mural e elaborar tamén as súas propias flores. Así mesmo, desenvolverán outras manualidades co obxectivo de afondar na figura e na obra da escritora.

Cada unha das bibliotecas acolle tamén unha pequena mostra bibliográfica composta por poesías e poemarios que integran a obra de Rosalía, como “Adiós ríos, adiós fontes”, “Parece unha rosa” ou “En las orillas del Sar”.

Para rematar, o venres 24 de febreiro celebrarase unha sesión de contacontos, “A miña historia”, da man de Trémola Teatro. Será ás 17:30 horas, na biblioteca do Milladoiro. O contacontos, pensado para nenos e nenas a partir de seis anos, narra a historia de Andrea, unha xornalista saída do século XIX que sabe todo sobre Rosalía de Castro. Así, as crianzas deberán axudarlle a recuperar as súas lembranzas e a difundir o seu pensamento para que todo o mundo a recorde. O contacontos fai referencia a aspectos como a relevancia que acadou Cantares Gallegos ou o papel de Rosalía como protagonista do Rexurdimento. Tamén proxecta a súa figura como muller pioneira no seu tempo.

Actividades programadas por diversos departamentos
A programación Rosalízate está deseñada e organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade, Turismo e Bibliotecas. Así, cóntase con diversas actividades que van dende un photocall, a presentación dun libro, un obradoiro, unha viaxe literaria, unha exposición é unha gala de homenaxe á propia Rosalía. Ademais, os locais de hostalaría volverán a sumarse aos xa tradicionais “Caldo de gloria” e “Café con verso”.