Esta fin de semana dobre cita musical no “AmesON de verán”

100

DJ Gallaecia ofrecerá un concerto este venres, día 30, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas. A actuación enmárcase dentro da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que está organizado por Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín catering e eventos, e no que colabora o Concello de Ames. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. 

O sábado día 1 terá lugar a actuación de Brais das Hortas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, a partir das 19:30 horas. Das Hortas é músico dende 1996, e na actualidade forma parte dos grupos Sacha na Horta e Blues do País. Toca a guitarra eléctrica, clásica, acústica e portuguesa, laúde árabe, frauta chinesa, caixón, batería de refugallo, darbouka, karkaba, kalimba, beatbox, harmónica, antenas tubulares, melódica, efectos sonoros… Ademais, é clown e compón e grava bandas sonoras orixinais para diversos espectáculos.O concerto de Brais das Hortas será o primeiro dos eventos da programación para o mes de xullo, que se completará cunha festa de Djs no parque do Ameneiral de Bertamiráns, o sábado 15.