Este sábado celébrase o festival ARTE ‘N’ RÚA

697

Este sábado, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o ritmo será o grande protagonista

Durante este sábado, 17 de xuño, desenvolverase, ao longo do día, en Bertamiráns, o festival ARTE`N` RÚA, con obradoiros de arte urbana e un espectáculo multidisciplinar. A xornada comezará ás 12:00 horas cos obradoiros e rematará pola tarde, coa actuación do mago Xacobe e os concertos do grupo de música infantil A Gramola Gominola e do trío musical Os Tres Tenedores. Unha iniciativa divertida e chea de ritmo para pasar o día en familia.

Este sábado, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o ritmo será o grande protagonista. Haberá desde hip hop e ragga ata rock e moito máis. A xornada comezará ás 12:00 horas cos obradoiros de graffiti, beatbox e danza urbana. A actividade de graffiti está destinada a nenas e nenos a partir dos 8 anos, a de beatbox é para nenas e nenos a partir dos 5 anos e, por último, o de danza urbana está orientado para aquelas e aqueles que teñan cumpridos os 3 anos de idade.

A programación continúa pola tarde, a partir das 17:00 horas, cando terá lugar un espectáculo multidisciplinar que abarcará o graffiti, a danza urbana, o beatbox, o ragga e que contará con Djs. Asemade, tamén estarán animando a tarde o mago Xacobe, o grupo de música infantil A Gramola Gominola e o trío musical Os Tres Tenedores. Todas as actividades serán realizadas ao aire libre nas instalacións do Pazo da Peregrina.