Máis de 20 actividades dentro do programa Apego

530

Dentro do programa Apego hai distintas actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballaron en conxunto para a elaboración da programación deste outono

O Concello de Ames vén de publicar a variada programación infantil, organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. A programación comeza o próximo venres, 6 de outubro, co espectáculo de circo-teatro Outono da compañía de circo-teatro Pista Catro.

Dentro do programa Apego hai distintas actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballaron en conxunto para a elaboración da programación deste outono. Esta programación estréase o próximo venres, 6 de outubro, coa compañía de circo-teatro Pista Catro que trae ao Concello de Ames o seu espectáculo Outono – unha viaxe ao pasado de catro artistas, que é en si mesma unha celebración da amizade e dos fracasos -. Esta actividade, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 h, está dirixida a todo o público que queira asistir maior de 5 anos.

A programación complétase coas Tardes de Contos. Os luns 9 e 23 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e os luns 16 e 30 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18.00 h, as familias con crianzas de 0 a 6 anos terán a oportunidade de achegarse aos contos para gozar, aprender e ir tecendo o club dos contos con Apego.

A programación para o mes de outubro pecha co Obradoiro Alí de recursos para a educación infantil, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Comeza tamén neste mes de outubro a Ciencia Divertida, unha serie de obradoiros para que as máis pequenas e pequenos se acheguen ao mundo científico, que se estenderá con actividades periódicas ata o mes de decembro. A Ciencia Divertida desenvolverase na Aula da Natureza, ás 16.30 h, os sábados 7 e 14 de outubro, 4 e 11 de novembro e 2 de decembro para rapazas e rapaces de 6 a 14 anos. O sábado día 28 de outubro, haberá unha sesión especial para nenas e nenos de 3 a 6 anos, ás 11.30 h na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Dentro desta programación tamén se inclúen as sesións de Contacontos na biblioteca, que se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. A entrada a esta actividade é libre e de balde. Todas as sesións se iniciarán ás 18.00 h.

A programación para o mes de outubro pecha co Obradoiro Alí de recursos para a educación infantil, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o sábado 21 das 10.00 h ás 14.00 h. O obradoiro diríxese a profesionais da educación infantil que busquen conseguir recursos e ferramentas modernas que faciliten e melloren o seu labor diario.