Memoria: Novas labores de exhumación para  localizar os corpos dos “homiños de Boimorto” 

224

A ARMH volveu, este mes de agosto, realizar labores de exhumación na parroquia de Ortoño. Trátase dun novo intento de recuperar os corpos dos seis edís da corporación municipal de Boimorto que foran fusilados nos Batáns o 20 de agosto de 1936 e, posteriormente, trasladados ao cemiterio de Ortoño para ser enterrados nunha fosa común. Precisamente, o pasado domingo día 21 de agosto tivo lugar en Boimorto un acto de homenaxe aos once edís asasinados.

Un equipo de arqueólogos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica visitaron, este mes de agosto, a parroquia de Ortoño para realizar labores de exhumación na contorna da igrexa parroquial. Os traballos tiñan como obxectivo recuperar os corpos de seis represaliados da Guerra Civil. Concretamente os de once edís da corporación municipal de Boimorto, que foron detidos e asasinados o 20 de agosto de 1936 nos Batáns. Posteriormente foron divididos en dous grupos dos cales seis foron trasladados ao cemiterio de Ortoño e outros cinco a dúas fosas comúns en O Amenal, no concello de O Pino.

As tarefas de exhumación súmanse ás xa realizadas na parroquia amesá de Ortoño en 2007. Daquela as tarefas tiveron lugar nun lateral da igrexa parroquial, onde estaba situado o antigo cemiterio. Desta volta, e tras a información facilitada por unha testemuña as labores de exhumación realizáronse ao carón da fiestra da actual casa reitoral. 

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, achegáronse ata Ortoño para seguir de preto os labores de exhumación. Durante a visita o alcalde de Ames, Blas García, trasladoulles a súa vontade de que os   traballos de exhumación teñan o resultado agardado “desexo que nesta ocasión haxa máis sorte e se poidan recuperar os restos dos edís asasinados para a tranquilidade das súas familias”. 

Canda eles estivo Xosé Luís Rivas, concelleiro de Boimorto e portavoz da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto quen tras rematar as tarefas manifestou “Non apareceu nada significativo. Atopáronse restos de osos e calzado o que nos leva a pensar que non debe quedar nada no lugar. Creemos que os corpos foron trasladados a mediados dos setenta a un osario no novo cemiterio”. E engadiu “dende o ano 2005 estamos empeñados en facer este traballo de recuperación dos corpos dos represaliados e non só por un tema de memoria histórica senón para que as familias poidan recuperar os restos dos seus familiares”.

Estes traballos únense aos xa realizados en O Amenal, no concello de O Pino, onde se atoparon os restos de tres edís asasinados e onde están á espera dos permisos necesarios para realizar novos traballos de exhumación para intentar localizar os corpos dos outros dous edís asasinados o 20 de agosto de 1936.

Acto de homenaxe en Boimorto

Precisamente, na memoria dos once edís asasinados celebrouse o pasado domingo 21 de agosto un acto de homenaxe en Boimorto. Foi un acto sinxelo e de fraternidade no que se recordou a historia dos once edís asasinados na Guerra Civil e onde se depositaron 11 rosas no monumento erixido na memoria das vítimas do 36. Un acto ao que asistiu David Santomil, concelleiro de Educación e Axenda Urbana do Concello de Ames.