Nova Foliada con Apego para o próximo 30 de xuño no Pazo da Peregrina

549

Todas as persoas que toquen algún instrumento, poderán acudir con el e interpretar algunha peza durante a foliada

O próximo venres, 30 de xuño, terá lugar, no Pazo da Peregrina, unha nova Foliada con Apego. A actividade orientada a familias con nenas e nenos sen límites de idade, así como a calquera persoa á que lle guste cantar e bailar, pretende construír un espazo de socialización en galego, onde se poida compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas.

Unha nova edición das Foliadas con Apego terá lugar no Concello de Ames o vindeiro día 30 de xuño. Será no Pazo da Peregrina, a partir das 18:00 horas. Ao longo da tarde, haberá baile, cantares e moita música. Todas as persoas que toquen algún instrumento, poderán acudir con el e interpretar algunha peza durante a foliada. Asemade, tamén se pode levar algún petisco para compartir á merenda co resto das e dos participantes.

A iniciativa xurde dunha proposta dalgunhas das familias que fan parte do proxecto “Apego”, no Concello de Ames. Con ela procúrase construír un espazo máis de encontro e socialización en galego para crianzas, achegando ao mesmo tempo a música tradicional galega ás e aos máis pequenos da casa. En Ames xa hai 80 familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016.