O 17% das microempresas e autónomos solicitaron acollerse ao Plan de Emprego Local

382

A nova liña do Plan de Emprego Local, PEL- Reactiva, que destina máis de 12,5 millóns de euros (10 millóns de fondos propios da Deputación e máis de 2,5 millóns dos concellos) á reactivación económica e social da provincia, contou cunha excelente acollida entre as microempresas e profesionais autonómos dos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia.

Un total de 10.037 microempresas e profesionais autónomos dos 88 concellos coruñeses adheridos ao programa rexistraron a súa solicitude para poder optar a estas axudas.

No caso de Ames, un total de 400 microempresas e autónomos solicitaron acollerse ao programa, o que representa case un 17% do total destas empresas e profesionais do municipio. A Deputación achega máis de 450.000 euros, e o Concello máis de 115.000. 

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a “boa acollida” do programa e afirmou que esta liña extraordinaria de 12,5 millóns de euros supón “un esforzo investidor sen precedentes, que se activa grazas á colaboración entre a Deputación e 88 concellos coruñeses” e ten como obxectivo “apoiar ao pequeno tecido empresarial local ante a grave crise económica ocasionada pola da COVID-19, axudando á supervivencia dos comercios, da hostalería e, en definitiva, de todos os negocios da provincia que están a sufrir as consecuencias devastadoras desta pandemia”.

A meirande parte das solicitudes proceden dos concellos da comarca da Coruña, que recibiron 2.677 solicitudes, un 26,6 % do total, seguida da comarca de Compostela, con 2.109 (o que supón un 21% do total) e da Bergantiños-Costa da Morte, con 1.998 instancias, un 19,91% do total. Pola súa banda as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal alcanzaron as 1.683 solicitudes (16,77%) e a de Barbanza as 1.570 (15,64%).

Nos datos por concellos o que máis solicitudes recibiu foi Carballo, con 641, seguido de Narón (484), Arteixo (410) e Oleiros (400). Nalgúns concellos coma Fisterra, Paderne, Mugardos, Muros, Camariñas, Arzúa ou Cedeira máis dun cuarto das microempresas censadas pediron as axudas.

As axudas que han percibir os autónomos e microempresas oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia (sen cadro de pesoal ao seu cargo) e os 3.000 euros para as microempresas que conten con entre 6 e 9 traballadores/a. Os fondos son compatibles con outras axudas.

A Deputación apoia tamén os plans de reactivación das cidades
Para completar a acción deste programa en todo o territorio provincial, González Formoso explicou que a Deputación destinará outros 3 millóns adicionais, xa aprobados polo pleno nun expediente de modificación de créditos, a colaborar coas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela nos seus respectivos plans de reactivación económica e apoio aos sectores máis afectados pola pandemia, coma a hostalería e o pequeno comercio. Dentro destas liñas de axuda, A Coruña recibirá 1,2 millóns de euros, Santiago 1 millón e Ferrol 800.000 euros.