O Goberno local recorrerá a sentenza sobre a suba do IBI

308

O Goberno local reaccionou á sentenza que anulou a suba do IBI e a convocatoria de Pleno do 28 de decembro do ano pasado. O alcalde de Ames, Jose Miñones, acompañado polo voceiro do PSdG-PSOE, Blas García, o voceiro do BNG, David Santomil e maila voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, xunto co resto de concelleiros que conforman o executivo local, ofreceron unha rolda de prensa onte na que manifestaron que o Goberno municipal de Ames recorrerá a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago.

Dende o Goberno municipal manifestan que non se vulneraron os dereitos dos concelleiros do grupo municipal do PP de Ames, xa que “se intentou notificar en diferentes ocasións a convocatoria dos dous plenos extraordinarios convocados o 27 e 28 de decembro”. Denuncian que a nulación da ordenanza “podería ocasionar graves consecuencias para a cidadanía como a perda de máis de 700.000 euros do orzamento e a imposibilidade de realización de importantes investimentos ou prestacións de servizos planificados polo Goberno municipal”.

A rolda de prensa comezou co alcalde, Jose Miñones, facendo un relatorio dos acontecementos sucedidos arredor da modificación da ordenanza do IBI, que foi aprobada definitivamente por maioría absoluta no pleno extraordinario do pasado 28 de decembro de 2019. O rexedor municipal incidiu en que o Concello de Ames vai a recorrer a resolución xudicial, xa que entende e considera que non se vulneraron os dereitos de ningún concelleiro da Corporación. municipal e que todos eles eran coñecedores da convocatoria.

O alcalde engadiu que “houbo notificacións aos concelleiros e concelleiras vía correo electrónico, vía telefónica, por medio do persoal de confianza do PP de Ames e a través de, ata catro intentos, de notificacións nas propios domicilios”. Considera que “non quixeron acudir aos plenos como parte dunha estratexia política”. “O que se fixo foi botar abaixo un acordo plenario acadado por unha maioría”, nun “claro ataque á elección da cidadanía e ao seu voto e un desprezo ao máximo órgano, que é o Pleno”, acrecentou o alcalde. José Miñones négase, ademais, a dimitir, tal e como esixiu o PP, ante o que ve como “unha manobra orquestrada con premeditación do voceiro do Partido Popular e o seu grupo municipal”. “Dimitir sería, precisamente, darlle a razón a unha maneira de facer política coa que non estou de acordo e condeno firmemente”, considerou.

 Desde o Goberno manifestan “que van seguir traballando polo que realmente lle interesa á cidadanía amesá; a elaboración do Plan de Reactivación económica, sacar adiante as obras e investimentos, mellorar e ampliar a xestión dos servizos municipais, así como resolver os problemas do día a día dos veciños e veciñas”.

Pleno extraordinario o 15 de outubro
A voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, explicou que se vai convocar un pleno extraordinario para o 15 de outubro de 2020 para abordar a aprobación da ordenanza do IBI. “A idea é que o Concello dispoña da seguridade xurídica necesaria ante unha posible sentenza en firme sobre a anulación da modificación da ordenanza do IBI aprobada no pleno extraordinario do 28 de decembro de 2019″ xa que “as posibles repercusións de dita sentenza poden ser moi gravosas para o conxunto da veciñanza de Ames”, indicou Otero, quen lembrou que “actualmente a ordenanza do IBI, que foi modificada por acordo plenario 28 de decembro de 2019, está en vigor porque a sentenza non é firme”. Isto significa que os veciños terán que facer fronte ao recibos do IBI como calquera outro ano. “No momento en que a sentenza sexa firme, no caso de que isto aconteza, estudarase por parte do Concello como se vai facer fronte á posible devolución dos recibos”, explicou Otero.

Por outra banda, o voceiro do BNG, David Santomil, explicou que “imos recorrer ante o Tribunal Superior de Galicia debido á que hai varios aspectos discutibles sobre as canles de comunicación da convocatoria dos plenos do 27 e 28 de decembro de 2019, e que non compartirmos”. Asegurou que si se convocou aos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e que “unha boa mostra é que sendo 6 grupos na Corporación municipal, 5 deles acudiron aos dous plenos e xustamente un dos grupos municipais non se deu por enterado e non recolleron as notificacións”. Considera, en consecuencia, que é “necesario dotar ao Concello dalgún sistema de notificacións que o protexa ante aqueles concelleiros que non queiran recoller as notificacións”.

Por último, o voceiro do PSdG-PSOE, Blas García, dixo que “o que están a facer [o PP] é xudicializar a política e atacar os intereses de todos os veciños e veciñas de Ames, porque este Goberno vai seguir traballando para mellorar os servizos municipais que se lle ofrecen á veciñanza amesá”.

Compartir
Artículo anteriorAnulada xudicialmente a suba do IBI
Artículo siguienteUn positivo por COVID-19 no CEP de Ventín
AMSGO! tráeche a información local do máis preto de ti. Temos soporte online e unha publicación mensual física que repartimos de balde nos negocios, prazas e rúas de Ames.