O PP de Ames facilitará aos veciños modelos de recursos contra as liquidacións do IBI de 2021

400

O Partido Popular de Ames informou hoxe da publicación, o pasado 31 de agosto, do anuncio de exposición pública dos padróns fiscais do exercicio 2021 do Imposto sobre Bens Inmobiles urbanos, rústicos e de características especiais de Ames no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Este anuncio enténdese legalmente como unha notificación colectiva e a exposición pública continuará ata o 30 deste mes de setembro. Dende o PP lembran que se pode consultar enviando un email a atencion.tributaria@dacoruna.gal ou chamando ao 900 132 204. As persoas interesadas poden formular recursos contra as liquidacións destes padróns entre o 1 e o 30 de outubro.

Os populares facilitarán á veciñanza que así o requira un modelo de recurso de reposición no que se atopan traballando hoxe en día. Lembran que no caso de non presentarse, non se procederá a ningunha devolución das liquidacións.

Dende o PP denuncian que no exercicio previo “o Goberno Local evitou que a inmensa maioría da poboación tivera algunha opción de presentar recurso e así evitar o sobrecargo do 13% indebidamente cobrado no recibo do IBI 2020”. Recordan que as liquidacións deviñeron firmes “a pesar da sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo de data de 22 de setembro de 2020” que declarou nula a convocatoria de pleno urxente do Concello o 28 de decembro do ano 2019, así como acordo daquela sesión. Os populares acusan ao Goberno local de non informar deliberadamente á veciñanza dos prazos para recorrer e empregar todas as “argucias” legais para retrasar a firmeza da sentenza.

Reclamación aos Orzamentos

Os populares presentaron en xuño unha reclamación ao Orzamento Xeral do Concello de Ames para 2021, relativa á partida correspondente aos ingresos previstos polo IBI urbano aplicando un tipo impositivo do 0.50%. Este recurso foi arquivado en xullo pola sección 4ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por estimar que a materia non é da súa competencia, remitíndose á sección 3ª do mesmo tribunal. Actualmente, os populares esperan pola admisión do recurso na sección 3ª e posterior requerimento ao Concello do expediente administrativo para a formalización do mencionado recurso.