A RAG e o Concello de Ames colaboran nunha nova iniciativa pola normalización do galego na infancia

210

O Concello de Ames e a Real Academia galega colaborarán nos vindeiros meses nun proxecto de promoción do galego máis alá das aulas. A iniciativa ‘Modo galego, actívao!’ pretende chegar a preto de 3.000 nenas e nenos de infantil e primaria escolarizados en Ames. Esta actuación, que xorde do mapa sociolingüístico elaborado en 2021 onde se comprobaba un preocupante labor desgaleguizador do paso polo ensino, implicará actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local e que xogan un papel fundamental na transmisión do idioma.

“As principais novidades que introduce Modo galego, actívao! son, por unha banda, a implicación da administración local e, por outra, que pon o foco tanto dentro coma fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só o profesorado”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo; por tanto, teñen un importante papel que desempeñar neste sentido”, reflexiona.

O Seminario de Sociolingüística da RAG analizará o desenvolvemento do proxecto, agardando que sexa reproducible noutros concellos. “Concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, engade Monteagudo.

Dende i luns 27 de febreiro as escolas infantís do Milladoiro, de Covas e a Igrexa e os colexios de Barouta, a Maía, Ventín e Agro do Muíño levarán a cabo unha experiencia de inmersión lingüística inspirada en 21 días co galego que se estenderá ao conxunto das actividades educativas. Outras iniciativas serán actividades interxeracionais, encontros con referentes galegofalantes para a xente nova, reflexións sobre os prexuízos lingüísticos e espazos de participación con familias migrantes.