Agrón terá a última palabra sobre se quere ser ‘Aldea Modelo’

275

A veciñanza de Agrón coñeceu onte o proxecto ‘Aldea Modelo’ a través das explicacións que recibiron no local social por parte do alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, e mais o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios. Durante o encontro, os representantes institucionais informaron ás persoas congregadas sobre este modelo de recuperación e posta en valor de terras antigas e abandonadas. Tamén recolleron as primeiras impresións recibidas.

A seguinte fase, caso a veciñanza queira facer da súa unha ‘Aldea Modelo’, é que as persoas propietarias aluguen as súas fincas ao banco de terras, polo menos ata acadar o 70% da superficie. A última palabra téñena os veciños, que decidirán ata mediados de outubro sobre esta proposta.

Previr os incendios e mellorar a actividade económica son dúas das vantaxes de convertese en Aldea modelo. O proxecto promovido pola Xunta de Galicia e posto en marcha coa colaboración da Federación Galega de Municipios e a empresa pública Seaga, naceu co obxectivo de recuperar e mobilizar antigas terras de labor para poñelas en valor e protexer aos núcleos de poboación dos incendios. A creación de actividade agrogandeira é un dos valores engadidos do programa, posto que o terreo ocupado polos cortalumes pode empregarse para cultivos de horta ou cereal, pastos, froiteiras, oliveiras ou árbores autóctonas.