Ames presenta o seu plan contra incendios de 2023

146

O Concello de Ames presentou hoxe o seu plan de incendios para o 2023, que introduce pequenos cambios fronte ao doutros anos. O obxectivo do plan é coordinar a todos os grupos implicados na loita contra os incendios. O plan recolle unha serie de medidas preventivas entre as que se inclúe a rede viaria forestal; a rede de puntos de auga; a rede de vixilancia; outras infraestruturas de apoio e maila rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias.

O plan contempla a existencia de faixas de xestión de biomasa que funcionan como prevención de incendios e promoven a repoboación con frondosas caducifolias, mellorando a biodiversidade. Os propietarios dos terreos poden ver subvencionados ata o 80% dos gastos xerados pola plantación.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, destacou que “o Concello de Ames aposta pola medidas preventivas fronte aos incendios forestais” alén do verán, incluíndo a plantación de frondosas caducifolias. Sobre o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais dixo que ““”é importante porque temos que estar preparados, coordinados e organizados para chegar o máis rápido posible e sobre todo ser eficaces na extinción dos incendios forestais”.

A técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, tamén destacou “as medidas preventivas que se executan ao longo de todo o ano na rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias, pero ademais realízase un importante traballo para manter limpos os camiños e pistas forestais a través dun convenio que se establece coa Xunta de Galicia”. “É fundamental manter transitables e en bo estado estes camiños”, engadiu, pondo en valor tamén o traballo de Protección Civil. 

A quenda de intervencións pechouna o alcalde, Blas García, que dixo ““”Ames foi un Concello pioneiro na posta en marcha de medidas preventivas na rede de faixas de xestión de biomasa coa repoboación con frondosas caducifolias, pero creo que tamén o somos con este plan de incendios forestais que xa levamos presentado varios anos seguidos”. Salientou que o plan establece tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. Recóllese o peor dos escenarios nun lume forestal “que é o nivel 3 de emerxencia, que agardemos que non haxa que activar nunca”, explicou o rexedor.


O plan de incendios recolle e organiza os medios persoais e materiais cos que conta o Concello. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do plan de incendios na temporada de alto risco, que vai dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte aos posibles incendios forestais.

No protocolo a lei establece tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. O nivel 1 de pre-alerta non implica a activación do dispositivo municipal. O nivel 2 de alerta actívase cando o PEIFOGA está en situación 1, ben no concello ou no distrito, ou en incendios xa controlados nos que sexa necesario un control da zona afectada para evitar reactivacións. Nesta situación o Concello pon a disposición do Distrito Forestal os medios propios. No nivel 3 de emerxencia actívase cando o incendio afecta á poboación dentro do municipio.