Ames recupera a ligazón por bus de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago a través dun convenio coa Xunta

260

O novo servizo de bus que unirá Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago de Compostela entrará en marcha na segunda quincena de xuño. Esta mañá foi asinado o convenio que o fará posible polo alcalde, Blas García, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Esta liña moverá uns 13.000 viaxeiros anuais, estiman dende o Concello. A vixencia do convenio será de 4 anos ata fins de maio de 2026, prorrogable outros catro anos.

O convenio procura solucionar a carencia provocada pola desaparición da liña urbana P2 compostelá, que atravesaba estas parroquias amesáns. Foi aprobado no pleno de abril de forma unánime por todos os grupos do Concello. O trazado desta nova liña de interese municipal funcionará en ambos sentidos pola rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para despois continuar por As Cortes, Ortoño (igrexa), Guimaráns, Outeiro, Quistiláns, Framil e Costoia, ata a estación intermodal de Santiago. O Concello de Ames achegará uns 220.000 euros de investimento.

O alcalde, Blas García, asegurou que “dende o Goberno municipal continuase traballando, a través do Plan Impulsa Ames da EDUSI, para deseñar unha liña interior municipal que una os núcleos urbanos, pero tamén os diferentes lugares do ámbito rural, e serva para despois poder desprazarse a través do transporte metropolitano a Santiago de Compostela ou a outras localidades”.

Así, co acordo selado hoxe, a Xunta asume un reforzo de frecuencias na liña interurbana que conecta Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano entre Extramundi de Arriba a Santiago. Deste modo, a Xunta incrementará 3 frecuencias de luns a venres: 1 de ida sentido Santiago e 2 de volta; aumenta tamén 4 expedicións os sábados e os festivos: con 2 novos servizos, tanto á ida como á volta; e os domingos incrementa 2 servizos: 1 de ida a Santiago e outro de volta ás parroquias de Ames. Tal e como apuntou Ethel Vázquez, estes servizos que se prestan co transporte interurbano da Xunta supoñen, a maiores dos que xa se introduciron en maio do pasado ano, máis de 16.000 km por vehículo ao ano.

Por outra banda, mediante este convenio, o Concello de Ames comprométese a activar un servizo de interese municipal, que prestará servizo desde a rúa Alcalde Lorenzo ata a estación intermodal de Santiago, como complemento deses servizos que se prestarán desde a Xunta. Deste xeito, haberá 7 frecuencias de luns a sábado, con horarios que non se solapan coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago da Xunta; e 6 frecuencias os domingos e festivos.

A conselleira e mailo alcalde puxeron este acordo como exemplo da vontade de cooperación entre a Xunta e o Concello de Ames para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños, unha cooperación entre ambas as dúas administracións que fixo posible tamén a sinatura doutro convenio a comezos do mes de abril, para acondicionar a avenida  da Peregrina, en Bertamiráns.

O alcalde tamén aproveitou esta visita para trasladarlle á conselleira as incidencias detectadas na liña de transporte metropolitano Portomouro-Santiago e que presta servizo á veciñanza das parroquias de Piñeiro, Tapia, Ames e Covas. Solicitouse o restablecemento da frecuencia de autobús das 13:15 horas da liña Portomouro-Santiago, a máis empregada pola veciñanza. Tamén se trasladou a necesidade de ampliar a EDAR de Sisalde.