Ames recuperou 20 hectáreas forestais en 5 anos co plan de prevención de lumes

156

Nun momento en que a preocupación cidadá cos lumes é grande, o Concello de Ames presume de deberes feitos e pon en valor os cinco anos de traballo nun plan de prevención e defensa contra lumes forestais. A iniciativa baseouse na plantación de frondosas caducifolias como castiñeiros, bidueiros, noceiras ou carballo americano. Nestes anos plantáronse 5.111 árbores en 20 hectáreas de monte ao longo de cinco parroquias. Un centenar de propietarios están adheridos ao plan. O Concello convida á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ao presidente da Xunta a visitar o concello e coñecer o plan de prevención.

O obxectivo do plan, posto en marcha en 2017, é a prevención de incendios a través da repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste modo afástanse os lumes dos núcleos de poboación, recupérase a calidade do solo e refórzase a biodiversidade.

A iniciativa comezou a matinarse en 2016 e foi aprobada unanimemente en pleno en decembro do 17, por medio do acordo de Aprobación do Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa do Concello de Ames. A partir de aí comezouse a traballar en plans cuatrianuais. A última renovación fíxose recentemente. Grazas ao plan o Concello asume a dotación dunha brigada de tres persoas (un capataz e dous peóns) durante 5 meses ano ano.

Actualmente, o Concello subvenciona o 80% dos gastos da repoboación. Fomenta a plantación de frondosas caducifolias, destacándose os castiñeiros, freixos, abeleiras, cerdeiras, pradarías, bidueiros, noceiras, ameneiros, mazanceiras, pereiras ou carballoamericano, en aquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto. Definíronse 59 ámbitos de actuación para levar a cabo este plan de prevención.

Orixinalmente, o plan arrincou como un proxecto experimental en 37 terreos da parroquia de Piñeiro. Alá plantáronse 815 árbores ao longo de case dúas hectáreas de terreo pertencentes a 33 propietarios.

Posteriormente, actuouse na parroquia de Piñeiro, nos lugares de Balindo, Fernande e Vilaverde. Tamén en Aldea Nova e Os Batáns, e na Folgueira e Mercuto na parroquia da Ameixenda. Foron 5,7 hectáreas, 76 terras e 44 persoas propietarias as colaboradoras. Sementáronse 1570 árbores autóctonas.

Na terceira fase a iniciativa chegou ao Monte de Outeiro e Pena Amarela, en Aldea Nova e Os Batáns, ademais de Ventosa, o Lomboa e a urbanización do Bosque Animado, na parroquia de Covas. Neste período 2018–2019, traballouse en 3,4 hectáreas, con 514 árbores distribuídas entre 34 terras de 30 persoas adheridas ao plan.

A cuarta fase incorporou os ámbitos 37 de Frenza – Vilouta, na parroquia de Tapia e 55 Montemaior, na Ameixenda. En total, unhas 41 terras e unha superficie de 42 hectáreas e 1076 árbores frondosas plantadas ao longo de 4,7 hectáreas.

Finalmente, na quinta fase do plan de prevención contra lumes forestais que se corresponde co período 2021–2022 rematáronse os traballos pendentes no ámbito 55 e 9 coa plantación de 1136 árbores en 48 fincas, o que supón 45,9 novas hectáreas adheridas ao plan. Ademais deuse inicio aos traballos no ámbito da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Un ámbito que engloba un total de dez hectáreas, repartidas entre 350 terreos forestais duns 160 propietarios e propietarias.

Tras cinco anos de funcionamento o Goberno municipal valora o Plan como “exitoso” e considera que “pode ser un modelo interesante a exportar a outros Concellos, pois que logra combinar a protección do noso medio coa prevención dos incendios forestais”. Por todo isto, o alcalde de Ames, Blas García, remitiu esta semana unha carta á Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para convidalos a visitar o concello e coñecer de primeira man o Plan amesá de prevención de incendios mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa.

Unha carta na que o rexedor municipal destaca que este plan “serve de utilidade na loita contra os incendios” pois as árbores autóctonas actúan como o mellor dos cortalumes, protexendo o entorno contra o lume, ao mesmo tempo que se pon en valor un terreo non explotable forestalmente. Segue dicindo que “é un sistema de prevención xa contrastado e que da un resultado positivo, tal e como puidemos comprobar en incendios forestais recentes”.