A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésima edición do Certame Literario de Ames. As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron Lucía Quintáns Suárez, Iria Seoane Villa e Ana López Canosa, na primeira categoría; María Rodríguez Maroño, Alfredo Marques e Soraya Paredes Negreira, na segunda categoría; e Xosé Anxo Corral Suárez, Mónica Castro Pena e Avelino Salgueiro Troncoso, na terceira categoría.
Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron Arwen Fernández García, María Victoria Rodríguez Varela e Carme Pereira Troncoso, na primeira categoría; Paula Expósito Giadás, Amalia Blanco Pose e Manuel Muñoz Vázquez, na segunda categoría; e Francisco Javier Fernández Davila, Laura Sánchez Castro e Lara Boubeta Bamio, na terceira categoría.
Neste 2023 acadáronse altas cifras de participación cun total de 167 traballos, 15 máis que o ano anterior. Os encargados de xulgar os textos presentados foron o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. Nesta vixésima edición, o Concello de Ames decidiu que todos os membros do xurado fosen persoas premiadas no certame, como unha forma de homenaxear a todas as persoas participantes nas anteriores convocatorias. A entrega de premios terá lugar o venres 9 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.