“En ‘La entrega’ representamos o paradoxo da soidade nunha sociedade hiperconectada”

163

O realizador amesán Pedro Díaz aspira ao olimpo do cinema español coa candidatura da súa curtametraxe ‘La entrega’ aos Premios Goya 2023. O filme competirá polo título de Mellor Longametraxe de Ficción nesta edición dos emblemáticos premios. O director conversa con AMSGO sobre este momento doce profesional, sobre as súas raíces e sobre a visión da sociedade que o impulsou a narrar esta peza protagonizada polo veterano Ramón Barea.

Que sentes ante esta candidatura?

É un momento de moita ledicia e emoción despois dun ano de traballo. Rodar unha curta é un proceso moi complicado que esixe unha implicación emocional e laboral moi grande. Esta candidatura bota un pouco de luz sobre o traballo de moita xente. Leva moita alegría ao equipo que fixo esta curta e aos seus fogares e familias: traballadores, actores, guionistas, directores…

Agardabades esta repercusión?

A verdade é que non. Non porque non confiásemos na curta e na historia que narra, senón porque nunca fas unha curta pensando nos premios. O motivo é narrar unha historia e pasalo ben. Puiden reunir a un grupo de amigos co que levaba oito anos a traballar para contar algo que nos emocionase. Ao final, nos últimos tres meses precipitouse o éxito da curta en festivais. Isto permitiunos chegar posiblemente un ano antes do esperado aos Goya. O lóxico tería sido chegar no 2024, pero todo se anticipou.

Que salientarías dos teus traballos pasados?

Estiven oito anos traballando en publicidade en Movistar+ e rodei moitos anuncios. A miña anterior curta foi “Mal de sangre” en 2014, que foi premiada no Festival de Cans. Circulou por varios países e festivais.

Que farás se gañas o Goya?

Non o sei. O primeiro seguramente sería desfrutalo ao máximo alí mesmo. Pero se che digo a verdade afrontámolo coa ilusión de simplemente estarmos aí botando algo de luz sobre o noso traballo. Despois diso, o que teña que vir que veña. Supoño que a partir de aí nos apetecerá estar coa nosa xente, volver a Ames para ver a familia e os amigos, celebrándoo con todos eles. O primeiro no que pensas é na túa xente.

A curta trata dun home que vive desligado da sociedade. Pola sinopse vén á cabeza o movemento dos hikikimori xaponeses, persoas que viven soas e illadas da sociedade por propia vontade. É esta a narrativa destes tempos de illamento tras a aparición da COVID?

A historia escribímola hai xa oito anos, cando non pensabamos nunha pandemia coma esta nas nosas vidas. Creo que se relaciona máis ben coa idea da soidade endémica que vivimos hoxe en día. Hai moita xente soa, e non só xente maior: persoas duns trinta anos, adolescentes… O paradoxo da soidade nun mundo onde a conexión interpersoal é tan sinxela interesábanos moito como contraste. Isto levounos a crear a historia dunha persoa que vive soa, que está illada da sociedade e de súpeto atopa outra persoa hiperconectada pero, no fondo, probablemente tamén soa. Interesábanos contar iso.

A soidade é gran a pandemia dos nosos días?

Sen dúbida algunha. A soidade é un dos grandes problemas da nosa sociedade e probablemente sexa a pandemia oculta que aínda non estamos a ver.

Ti criácheste en Proupín, no rural amesán. Esa soidade é un fenómeno urbano ou tamén rural?

Boa pregunta. Diría que posiblemente a solución sexa máis fácil de atopar no rural ca nas grandes cidades. A xente coñécese e cóidase máis no rural. Nas grandes urbes posiblemente estea a perpetuarse máis esta individualidade, esta sensación de ir cara a dentro. Vivindo en Madrid descubrín o importante que era saudar aos veciños, poder mirarlles aos ollos incluso, cando veu a pandemia. Aqueles veciños cos que nunca cruzaras máis dun bos días no ascensor. De súpeto apreciabas a posibilidade de preguntar “que tal?”. Nos ambientes urbanos dáse máis esta situación, en contraste co rural onde sempre coñeces ao veciño. Cando alguén enferma, cando está ingresado nun hospital, no rural os veciños interésanse, chaman… Iso non sucede na cidade.

Como foi traballar con artistas consagrados como Ramón Barea?

Moi sinxelo. Ramón é unha persoa moi aberta e empática. Historia do noso cine e cultura. Á vez, converteuse axiña nun amigo e nun compañeiro estupendo. Foi moi sinxelo traballar con el.

Que proxectos tes en mente no futuro?

A miña intención é que o seguinte proxecto sexa unha longametraxe. Teño un par de guións e de proxectos en mente. Agardo que un deles veña máis pronto que tarde e que esta curta nos dea esa posibilidade.

Está vivindo un momento doce o audiovisual galego?

Sen dúbida. Galicia experimenta unha explosión de talento repentina. Estase a apreciar non só no resto de España senón de Europa. Falas de Galicia como un clúster audiovisual, como o berce de proxectos onde medra unha forma de narrar diferente, e isto apréciase. Hai que coidar e promover desde todos os estamentos galegos este talento que se está a forxar. Difundámolo entre todos máis alá das fronteiras de Galicia e construamos unha cultura audiovisual galega propia na que todo o mundo se sinta cómodo. A unión fará medrar a nosa cultura.