O pleno debate sobre máis dun millón de euros de proxectos con apoio da Deputación

144

O pleno municipal de Ames debaterá o luns que vén a participación do Concello no POS+2023, o plan de cooperación de obras e servizos da Deputación. En total o Concello de Ames recibirá 1.126.239,30 euros. As actuacións incluídas neste plan provincial abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas destínanse á mellora ou reparación de vías públicas municipais rurais como en Framil (Biduído), Cortegada (Ameixenda), Gasamáns (Agrón) e mais a mellora da seguridade viaria en Frenza (Tapia). Estas obras forman parte da Achega provincial 2022 e 2023.

Outra das actuacións previstas é o proxecto de eficiencia enerxética no Novo Milladoiro para continuar co aforro enerxético local. Xa se fixeron actuacións semellantes no Milladoiro e en Bertamiráns. Por outra banda, o Concello de Ames pretenden dedicar 11.236,72 euros para a redución de débeda con entidades financeiras.

Con cargo ao Plan complementario de 2023 inclúense nove proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 1.636.548.80, euros. Contémplase a pavimentación de viarios nos núcleos de Oca, Mourigade e o Galiñeiro. Tamén se actuará en vías de comunicación como o proxecto de mellora de seguridade viaria do Mercuto a Quintáns ou a estrada de Capeáns a Pousada, así como as beirarrúas dende Covas ao Lombao. Con estas obras o Concello quere mellorar a seguridade viaria e funcional. Nos núcleos urbanos están previstas as obras da pavimentación da rúa Juan Bueno Bueno e viarios no Castro de Ortoño, na parroquia de Ortoño.

Por outra banda, nesta ocasión inclúese no POS complementario de 2023 a adecuación dunha nave existente para a implantación dunha cociña central para os comedores escolares.

No POS+ Adicional 1/2023 contémplanse 157.314,02 euros para gastos sociais extraordinarios, con máis de 110.000 destinados ao reforzo de persoal de servizos sociais. O Concello quere facilitar a tramitación urxente das prestacións e axilizar a atención social para persoas vulnerables. O importe restante, de algo máis de 46.000 euros, ampliará as partidas municipais de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social, así como outros colectivos.