Ames quere contar cunha oficina de documentación para expedir DNI e pasaportes

171

Ames quere contar cunha oficina permanente de documentación da Policía Nacional na que se renoven DNIs ou pasaportes, ademais de expedirse tarxetas de identidade para persoas estranxeiras. Este servizo é moi demandando pola veciñanza e dende o Concello solicitarán que sexa unha realidade. Así se anunciou tras a reunión do alcalde, Blas García, e mais o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, con representantes do Sindicato Unificado de Policía (SUP). Por parte desta asociación estiveron presentes o secretario provincial, Juan Manuel Gómez, o vicesecretario de organización na Coruña, David Rodríguez, e Jesús Vasconcellos, o secretario de relacións institucionais.

Aínda que hoxe en día existe unha unidade móbil que dá servizo a unhas 200 persoas, este non resulta suficiente. É por iso que o Concello levará a cabo xestións ante o Ministerio do Interior para que se poña en marcha a mencionada oficina. O SUP, pola súa parte, reclamará o mesmo nos órganos da Xefatura Superior de Policía de Galicia e no Consello de Policía.