Entra en vigor a ordenanza reguladora de terrazas

208

O alcalde de Ames, Blas García , vén de publicar un bando que anuncia a entrada en vigor desde o 30 de xuño a ordenanza que regula a ocupación de espazos públicos e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos da actividade comercial e da hostalería. As licenzas que foron concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta ordenanza, advirten desde o Concello, deberán adaptarse a esta nun prazo de tres meses ou quedarán revogadas de forma automática.

A ordenanza foi aprobada o pasado mes de maio de forma unánime polo Pleno municipal logo de ser negociada cos distintos colectivos empresariais (Xuntanza de Empresarios de Ames e Asociación Hostalería Compostela), que se amosaran disconformes coa proposta inicial do Goberno local. Finalmente, aceptouse que as terrazas ubicadas en espazos que non requiran intervir no medio nin poidan causar un dano ao mesmo non teñan que constituír fianza. Igualmente, reduciuse a dous tramos -14 e 24 euros- o pagamento por metro cadrado segundo ubicación e superficie.