José Miñones e outros alcaldes socialistas piden á Xunta que pague a limpeza e desinfección das escolas

230

Os alcaldes socialistas da comarca de Santiago demandan á Xunta de Galicia que asuma a limpeza e desinfección dos centros escolares de infantil e primaria ou dote aos concellos dos fondos necesarios para poder levar a cabo esta labor, que consideran “prioritaria e fundamental para garantir a saúde dos nenos e nenas”.

Os rexedores afirman que os estrictos protocolos de prevención obrigarán aos concellos a multiplicar o gasto nestas tarefas e a contratar máis persoal, cun investimento que supón centos de miles de euros de gastos extra que non estaban orzamentados, o que terán unha repercusión importante nas economías municipais pese a que a competencia educativa é da comunidade autónoma.

O asunto foi abordado nunha reunión comarcal na sede do PSdeG en Santiago na que participaron os alcaldes de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; Oroso, Manuel Mirás; Ames, José Miñones; Negreira, Manuel Ángel Leis; A Baña, José Antonio Pereira, a tenente alcalde de Teo, Uxía Lemus, o coordinador comarcal dos socialistas e deputado provincial, Antonio Leira e os deputados provinciais Mila Castro e Blas García, e na que se trataron asuntos relativos ao inicio do curso escolar.

O responsable comarcal, Antonio Leira, explicou que “os concellos socialistas están en contacto permanente cos centros, coordinando o inicio do curso para garantir entornos escolares seguros e porán a dispor dos colexios todos os recursos disponibles, conscientes de que a saúde dos nenos e nenas é unha prioridade”, pero censurou que a Xunta “abandone unha vez máis aos concellos” derivándolles responsablidades pero sen transferirlles os fondos necesarios.

Leira afirmou que os alcaldes socialistas queren saber a qué se destinan os 93 millóns de euros do Fondo Covid para educación que recibe a Xunta de Galicia do Goberno de Estado. “Non hai ningunha transparencia por parte de Educación. Se non se inviste nos colexios nin se transfire aos concellos para asumir competencias coma a limpeza, ¿en qué pensan exactamente empregar eses fondos?”, afirmou o coordinador comarcal, que tamén incidiu nos “serios problemas” que o sobrecuste da limpeza ocasiona aos municipios.

Datos de casos de covid por concellos
O coordinador comarcal do PSdeG en Compostela pediu tamén “transparencia” á Consellería de Sanidade á hora de facer públicos os datos de casos activos de coronavirus en cada concello, máis aínda en aqueles nos que se toman medidas especialmente restrictivas debido ao incremento de contaxios.

Leira explicou que, a pesar de que a Consellería de Sanidade non ofrece datos aos concellos do número de casos en cada municipio, algúns alcaldes sí teñen acceso a esta información e fana pública diariamente nas súas redes sociais. “Ou se fan públicos os datos ou non, pero non pode discriminacións en función da cor político”, engadiu.