As xornadas, celebraranse os días 3 e 4 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns. Diríxense a profesionais que traballen con nenos e rapaces (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención…) pero tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico.
A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, sinalou que “estas xornadas serven para desmitificar a saúde mental e normalizar o feito de acudir a un psicólogo para pedir axuda”. Ademais, “tamén proporcionan ferramentas para que as familias e os rapaces entendan o que lles ocorre no seu día a día”.
Na mesma liña, a psicóloga e coordinadora do programa CoidadosÁmente, Belén Montesa, subliñou que o que se busca “é dar resposta á realidade dos centros, poñendo o foco na prevención”. Así mesmo, explicou que os días e os horarios escollidos buscan facilitar a conciliación das familias.