O exalcalde José Miñones, novo ministro de Sanidade

195

José Miñones, alcalde de Ames entre 2015 e 2021, vén de ser nomeado ministro de Sanidade polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Miñones, de 50 anos e doutorado en Farmacia con premio extraordinario, levaba dous anos como delegado do Goberno en Galicia e é considerado unha figura de confianza do presidente.

Concelleiro dende o ano 2009 no goberno de Carlos Fernández, Miñones entrou na política dende o asociacionismo veciñal e no ano 2015 conseguiu arrebatarlle á alcaldía ao PP á fronte dun pacto de esquerda que se mantivo no Concello logo da súa marcha.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, saudou o nomeamento do “compañeiro e amigo Pepe Miñones”, como Ministro de Sanidade. O responsable socialista agradeceulle ao presidente do goberno que “volva contar con Galicia nos nomeamentos ministeriais” na persoa de Miñones, que forma parte da Executiva do PSdeG. Dixo que “Galicia tiña que ter máis peso” no Executivo, co que o nomeamento do ata agora Delegado do Goberno en Galicia responde desta necesidade, o que “loxicamente vai redundar nunha mellor defensa dos intereses do noso país”. Salientou a importancia ademais de que o nomeamento sexa precisamente “nunha carteira que tanto significa para o socialismo galego como é a sanidade”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou ao até agora delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, polo seu nomeamento como novo ministro de Sanidade en substitución de Carolina Darias.

Nunha mensaxe publicada a través do seu perfil da rede social Twitter, o titular da Xunta explicou que falou co novo responsable da carteira de sanidade. “Alégrome como galego e desexeille sorte”, indicou.

“Coñece os problemas da sanidade, como a falta de médicos, algo compartido por todas as comunidades. Confiamos en que o teña en conta e que o Goberno, agora si, actúe”, indica.

Unha das máis madrugadoras reaccións ao nomeamento de Miñones foi a do alcalde de Ames, Blas García. Parabenizou ao seu predecesor e compañeiro de corporación a través das redes sociais. “Semanas que empezan con boas novas. Fai dous anos que por estas datas o nomearon Delegado do Goberno, e agora tócalle a alta responsabilidade de ser ministro. Parabéns! Vai facer un gran traballo!” aseverou en Facebook.