O Día do Deporte celebrarase este venres 22 de setembro pola tarde na área deportiva do Milladoiro. Terá lugar entre as 17:30h e as 20h. Un ano máis, dará a oportunidade ás persoas interesadas de probar distintas modalidades deportivas para descubrir algunha que lle guste practicar. Organizado pola concellería de Deportes, o acto conta coa colaboración da Deputación.
Este ano, a xornada inclúe aerozumba, spinning ou baile moderno, ademais de piragüismo, atletismo, xadrez, tenis, golf e crocket, patinaxe, baloncesto, fútbol sala, judo e taekwondo. Haberá agasallos para as persoas que participen polo menos en cinco actividades distintas.