Ames e Val do Dubra estudan colaboracións durante este mandato

129

Os alcaldes de Ames e Val do Dubra mantiveron hoxe un encontro institucional para abordar asuntos comúns para ambos municipios. O rexedor, Blas García, desprazouse ata Val do Dubra xunto cos concelleiros Susana Señorís e Gustavo Nieto. Foron recibidos polo alcalde dubrés, Diego Díaz, e a concelleira Celsa Oreiro. Entre os asuntos tratados na xuntanza estiveron a mellora da seguridade da AC-543, o parque comarcal de bombeiros, o transporte metropolitano, e a explotación económica do Tambre.  

Blas García amosouse satisfeito ao termo da reunión, considerando que permitiu trazar “os eixos que marcarán esta colaboración durante os próximos catro anos”. O seu homólogo dubrés considerou “indispensable” manter boas relacións con Ames. Ambos os dous rexedores consideraron prioritaria a creación dun parque comarcal de Bombeiros, asunto sobre o que García lembra que “levamos moito tempo traballando”. Os alcaldes amosáronse partidarios de reactivar o diálogo entre o Concello de Santiago, o Consorcio Provincial de Bombeiros, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia

Outro dos principais puntos da xuntanza foi o da mobilidade na área metropolitana compostelá, onde milleiros de persoas se desprazan a diario. “É necesario ofertar un servizo de calidade para que a xente opte por usar o trasporte público”, explicou Blas García. Díaz, pola súa parte, quixo salientar a necesidade de aumentar a frecuencia do transporte público metropolitano para lograr un servizo de calidade, e considerou que “un servizo non ten que ser rendible, ten que facerlle máis fácil a vida da xente”.

En canto ao turismo, ambos alcaldes apostaron por exploralo, polo que intentarán elaborar durante este mandato un plan de turismo sustentable apoiado sobre as potencialidades do río Tambre. Noutra orde de cousas, ambos municipios estudarán compartir rede de saneamento en puntos concretos.