O pleno de Ames debaterá sobre o financiamento a través da Deputación da oficina de fomento das comunidades enerxéticas

151

Este xoves, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña, mediante convenio de colaboración, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. Tamén se abordará a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. Outros temas que se tratarán serán o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames e maila modificación do lote 2 do servizo de monitorización dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar (monitores de almorzos en Bos días cole). O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado. Isto tradúcese na posta en marcha e funcionamento da Oficina de Transformación Comunitaria e Acompañamento, nun lugar físico e tamén virtual mediante a súa propia web e redes sociais, con accesibilidade e visibilidade pública.