O obradoiro “A Vila do Mañá” rematou o pasado venres en Bertamiráns

“A Vila do Mañá” é un obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio, a través do cal as nenas e nenos amesáns repensaron os espazos nos que viven e deseñaron estratexias de mellora dos mesmos.

589

Entre o 7 e 11 de agosto, serán as nenas e nenos do Milladoiro os encargados de reflexionar sobre o seu entorno

Entre o 3 e o 7 de xullo, desenvolveuse na Escola de Verán de Bertamiráns o proxecto “A Vila do Mañá”, un obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio, a través do cal nenas e nenos amesáns repensaron os espazos nos que viven e deseñaron estratexias de mellora dos mesmos. Entre o 7 e 11 de agosto, serán as nenas e nenos do Milladoiro os encargados de reflexionar sobre o seu entorno. Todas as actividades contaron co apoio e participación das monitoras e monitores da Escola de Verán.

Co obxectivo de crear unha actitude crítica desde a infancia, o proxecto “A Vila do Mañá” tenta transmitir ás nenas e nenos a idea de que a cidade é un espazo de acción, que se pode transformar pensando nas necesidades de todas e todos, tamén das e dos máis pequenos. O proxecto tamén pretende situar a vida das nenas e nenos nas rúas, afastándoos do uso abusivo das novas tecnoloxías. Con isto como elemento central, as rapazas e rapaces participantes da Escola de Verán de Bertamiráns, realizaron diferentes actividades e saídas pola vila ao longo da semana pasada.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García, amosou a súa satisfacción porque o concello de Ames sexa dos primeiros en formar parte desta iniciativa creada polas arquitectas Sandra González e Emma López, coa colaboración da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). “É moi interesante para este Goberno ver desde os ollos da infancia a imaxe que teñen dos núcleos de Bertamiráns e de Milladoiro”, apuntou o concelleiro de Urbanismo; incidindo en que “esa visión serviramos para o deseño de zonas urbanas nas que deban de usar e desfrutar os máis pequenos e os máis mozos, xa que moitas veces non se ten en conta a súa opinión e as súas necesidades”.