Ortoño homenaxea os once “homiños de Boimorto”, asasinados en 1936 polo franquismo

173
Monumento de homenaxe (Fotografía: BNG de Ames)

O Concello de Ames homenaxea o vindeiro mércores aos “homiños de Boimorto”, o nome polo que na memoria popular son coñecidos os once concelleiros desa localidade da comarca de Arzúa que foron asasinados o 20 de agosto do 36 nos Batáns pola súa defensa da legalidade republicana. Ortoño acolle este acto na súa carballeira dende as 18h. Participará a Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto.

A comezos de agosto, un equipo de arquológos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) desprazouse a Ortoño para tratar de exhumar os corpos de seis destes represaliados políticos na contorna da igrexa parroquial. Os outros cinco corpos foron levados ao concello do Pino e depositados en foxas comúns no Amenal. Non é a primeira vez que se intenta localizar os corpos. En 2007, os traballos comprenderon o lateral da igrexa, mentres que neste 2022, e por indicacións dunha testemuña, traballouse ao carón da fiestra da casa reitoral. Nesta ocasión, por desgraza, tampouco se deu localizado os restos mortais dos seis asasinados.

“Cremos que os corpos foron trasladados a mediados dos anos cincuenta a un osario no novo cemiterio”, sinalou Xosé Luís Rivas, concelleiro de Boimorto e portavoz da Agrupación de familiares das vítimas do 36 de Boimorto.

Polo momento, só foron atopados tres corpos dos once homiños de Boimorto. Estes apareceron no concello do Pino, onde en breve se levará a cabo outra pesquisa. Os traballos para devolver os restos mortais ás familias e reparar a memoria das vítimas remóntanse a 2005, 69 anos despois do crime.

Os traballos por atopar os corpos dos represaliados comezaron en 2005, co obxectivo de que as familias recuperen os restos dos seus achegados e de reparar a memoria das vítimas. As exhumacións realizadas en Ames súmanse ás xa realizadas no Amenal, no concello do Pino, onde se atoparon os restos de tres edís asasinados e onde están á espera dos permisos necesarios para realizar novos traballos de exhumación para intentar localizar os corpos dos outros dous edís asasinados o 20 de agosto de 1936 e enterrados nesa localización.